O 24 de maio ás 14 horas, o antigo Colexio das Monxas da Rúa (rúa Felgar) acollerá unha comida solidaria organizada polas Voluntarias da Caridade, fregueses das parroquias da Rúa e Petín, e o párroco da zona, en colaboración con Manos Unidas e a Diócese de Astorga.

O obxectivo é sinxelo “reunirse ao redor dunha mesa para soster, desde aquí, proxectos de desenvolvemento en contextos onde as condicións de vida son especialmente difíciles”, explican, destacando que cada persoa pode sumarse segundo as súas posibilidades “achegando empanadas, tortillas ou doces, adquirindo unha entrada ou realizando un donativo”.
Os fondos recadados apoiarán este ano tres iniciativas impulsadas por Manos Unidas: a construción dunha zona deportiva cuberta para nenos e mozos en situación de vulnerabilidade en Assam (India); un programa de promoción integral de dereitos, saúde, educación e liderado de mulleres en comunidades empobrecidas de Andhra Pradesh (India); e a construción dun centro educativo en Senegal para a formación de menores e o desenvolvemento de mulleres.

Desde a organización convidan a toda a comunidade a participar, coa convicción de que “o pequeno, cando se comparte, chega lonxe”.