
O Concello de Viana do Bolo vén de poñer en marcha un programa de xestión de colonias felinas, para tratar de dar solución aos problemas derivados da proliferación incontrolada de gatos rueiros en varias zonas e rúas da nosa vila.
“Para poder levar a cabo este programa, dende o Concello, solicitamos a colaboración e axuda de persoas voluntarias que se encarguen de labores coma: acompañar aos animais ás citas veterinarias, darlles de comer nos espazos habilitados, facilitarlles o tratamento desparasitario, etc.”, tal e como informa o Concello de Viana do Bolo.
Todas as funcións do voluntariado serán de apoio e acompañamento, xa que os gastos económicos que supoña levar a cabo o Programa CER (Captura, Esterilización e Retorno) correrán a cargo do Concello de Viana.
Ademais dende está administración local fan un chamamento ás persoas que lle gustan os animais e que estean interesadas en colaborar na xestión de colonias felinas, para que acudan á reunión informativa que terá lugar o martes 12 de maio ás 20:00 horas no Salón de Plenos do Concello.
