
Co respaldo unánime da Corporación barquense (cos grupos do PSdeG-PSOE, do PP e do BNG) aprobábase no pleno celebrado esta tarde a moción-declaración institucional urxente pola que o Concello oponse á eliminación do servizo de formación de francés na Escola Oficial de Idiomas deste municipio, situada no IES Lauro Olmo.
O texto da moción, que lía a voceira do grupo socialista, Margarida Pizcueta, lembraba esta que escola “leva máis de 25 anos de funcionamento, dando servizo a unha poboación illada historicamente, cuxo alumnado pode dispor do estudo dos idiomas inglés e francés, sen ter que desprazarse ata outras áreas onde recibir dita formación, como por exemplo a cidade de Ponferrada, El Bierzo, (50 km), a máis próxima en distancia, ou ás de Monforte de Lemos (70 km), Ourense (114 km) ou Lugo (120 km)”.
Tamén sinalaba como o pasado “luns día 20 de abril, unha chamada telefónica da Consellería de Educación advertiu á sección da Escola Oficial de Idiomas do Barco de que a partires do vindeiro curso, non poderían impartir o idioma francés. Non houbo comunicación oficial, nin xustificación que acompañe tal decisión, nin explicación algunha, despois de máis de 25 anos impartindo clase”.
Ante isto, o texto da moción plantexaba que “tendo en conta que tódolos gastos son asumidos polo centro onde ten a súa sede a sección da Escola Oficial de Idiomas do Barco, e que ao organismo oficial do que depende, a Xunta de Galicia, non lle supón un gasto que xustifique a eliminación dun dos dous idiomas que a través dela se imparten” e que “os 15 alumnos que estudan o idioma francés na actualidade, non poderían continuar os seus estudos. O Concello do Barco oponse á eliminación do servizo de formación de Francés na Escola Oficial de Idiomas do Barco de Valdeorras”.
Nesta mesma sesión plenaria tamén resultaban aprobados, entre outros puntos, un acordo de fiscalización previa limitada de gastos e un recoñecemento extraxudicial de crédito que on 9 xustificantes de gastos por importe bruto de 15.510,33 euros.

Por contra, a moción do BNG para a promoción deste municipio como concello piloto na implantación da Intelixencia Artificial (IA), non resultaba aprobada. Si contaba cos votos a favor do PP, pero o grupo de goberno socialista decidía votar en contra ao considerar que, malia que a “IA vén para quedarse, hai que ser moi prudentes e moi coidados cos datos que se xestionan, e que poden acabar aloxados nun servidor que non sabemos a quen pertencet, entón esta moción non chega no momento axeitado, e imos ir con pés de plomo”, dicían tanto Margarida Pizcueta como o alcalde do Barco, Aurentino Alonso.
Fotos: A.R.
