
Ourense acolleu esta mañá a III Edición da Carreira Solidaria Ruta 091, organizada por Policía Nacional e na que máis de mil rexistrados correron polas rúas da cidade, co fin solidario de axudar a Bicos de Papel, unha asociación sen ánimo de lucro, creada para a axuda a nenos oncolóxicos. Entre eses corredores estaba o valdeorrés Paco Bao, atleta veterano do Club Adas Cupa do Barco. Era a súa carreira 820 e nela “conseguimos librarnos da chuvia”, comentaba.
Os encargados de cortar a cinta na liña de saída desta carreira solidaria eran o subdelegado do Gobierno, Eladio Santos Martínez acompañado polo comisario xefe provincial, Juan Cástor Vázquez Salgado, o deputado provincial da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández Fernández, a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deporte da provincia de Ourense, Beatriz Fernández Fernández, o concelleiro de Deportes de Ourense, Aníbal Pereira e a vogal da asociación Bicos de Papel, Beatriz González Martínez.
Na actividade deportiva competían dúas categorías: absoluta, que se iniciou ás 10.30 horas e cunha distancia de 5 km, con saída da Glorieta da Policía Nacional e percorrido por diversas rúas da cidade, para finalizar novamente na mencionada glorieta.
E a segunda categoría, infantil e inclusiva, comezaba ás 11.30 horas cun percorrido de 1 km, con saída e meta na Glorieta de Policía Nacional, pasando por Curros Enríquez, Parque San Lázaro e regreso ao momento inicial.
Ao finalizar o percorrido e como colofón á carreira, realizouse a entrega de premios aos gañadores, así como a todos os participantes na categoría infantil e inclusiva.
A Policía Nacional agradece a todos os participantes pola “gran acollida que tivo a III Carrera Ruta 091 en Ourense que une deporte e solidariedade”.
A “Ruta 091” naceu como unha actividade solidaria da Policía Nacional no ano 2017 por iniciativa da Oficina de Comunicación da Dirección Xeral da Policía. Trátase dun calendario de carreiras que cada ano se celebra en diferentes localidades de todo o territorio nacional e que por terceiro ano consecutivo celebrouse en Ourense.
Desde fai xa varias edicións, a Ruta 091 celébrase baixo o patrocinio xeral do Banco Santander e da Mutualidade de Previsión Social da Policía (MUPOL), dúas entidades comprometidas a colaborar coa Policía Nacional no seu obxectivo de chegar aos cidadáns que máis atención necesitan da sociedade.