OurenseÚltima hora

Recollida do material doado para a loita contra o lume co reunido no partido solidario co Celta

 

Neste domingo facíase entrega no Estadio do Couto, en Ourense, do material doado polo Real Club Celta de Vigo para a loita contra incendios no partido de fútbol solidario celebrado o pasado mes de outubro en Balaídos, entre o club vigués e unha selección de xogadores da provincia. Este material distribuíase entre os GES da provincia, entre eles o GES Valdeorras, e os bombeiros.

Así, o Real Club Celta de Vigo, tal e como se comprometeu trala vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense en agosto de 2025, entregou esta tarde á Deputación un amplo equipamento de material contra incendios froito da iniciativa “Xuntos contra o lume”. O obxectivo daquel encontro foi recadar fondos para afrontar proxectos de reforestación nas zonas máis afectadas polos lumes na provincia de Ourense.

O vicepresidente terceiro e deputado de Emerxencias, Plácido Álvarez, e o xefe da Sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez, foron os encargados de recoller o material doado, consistente en 60 unidades de batelumes, 50 mochilas de extinción e 19 caixas de máscaras e lentes protectores.

 

A representante do GES Valdeorras, no acto.

 

O equipamento destinarase aos Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) da provincia e tamén aos bombeiros que a Deputación ten no Polígono de San Cibrao das Viñas. Deste modo, este material pasará a formar parte dos grupos de Celanova, Lobios, Muíños, Avión, Valdeorras, Maceda, A Gudiña, Castro Caldelas, Laza, Ribadavia, Pereiro de Aguiar, A Veiga e os bombeiros da Deputación.

O deputado de Emerxencias agradeceu a solidariedade que amosa unha vez máis unha institución como o RC Celta, demostrando que cando “o lume ataca ao noso rural estamos todos no mesmo equipo”.

Álvarez afirmou que todo este material contribuirá a que os concellos ourensáns dispoñan de máis medios ante posibles incendios forestais”, agradecendo en nome de toda a cidadanía ourensá este xesto de apoio e compromiso que “demostra que somos un pobo que sempre está unido nos momentos difíciles”.

Fotos cedidas.

 

 

Back to top button