ConcellosQuirogaÚltima hora

María Pena López, veciña de Quiroga, celebra os seus 101 anos

 

Rodeada por familiares e amigos, María Pena López “Maruja de Parteme”, veciña de Quiroga vén de cumprir 101 anos. Maruja, como é coñecida familiarmente esta agarimosa centenaria quixo convidar aos seus compañeiros do centro social de Quiroga ao que acode diariamente a xogar as cartas, polo seu cento e un aniversario.

Ata alí tamén se achegaron o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera e os concelleiros do grupo de goberno para facerlle entrega dun ramo de flores en nome da veciñanza de Quiroga. Maruja, que tamén estaba acompañada dos seus familiares, amigos e veciños, amosouse moi leda con esta festa de aniversario, xa que como ela di, “hai que pasalo ben mentres se poda e haxa saúde” .

 

 

E diso, esta centenaria sabe moito, xa que presume dunha envexable saúde, “non me doe nada, como e durmo ben” e o que máis lle gusta, é “xogar as cartas cos compañeiros do centro e estar coa familia”.

Maruja, traballou arreo toda a súa longa vida no campo, sendo unha das moitas mulleres daqueles tempos que tiveron que sacar adiante soas a familia. De gran corazón e nobreza, segue dando mostra dunha excelente vitalidade e xenerosidade. O segredo da súa lonxevidade, segundo conta, está “na sorte e en non facerlle mal a ninguén”.

Maruja sopraba as candeas da súa tarta de 101 neste 11 de maio, rodeada do cariño da xente que a quere, e facía un brinde pedindo “ a ver si Dios me da saúde para invitarvos a todos o ano que vén”.

Fotos: RTM Quiroga.

 

Back to top button