A ANPA do CEIP Manuel Respino da Rúa súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha xornada especial prevista para sábado 16 de maio. Trátase dunha actividade aberta ás familias e á veciñanza, pensada
para “promover a convivencia e poñer en valor a lingua e a cultura galega”, explican dende a ANPA.

O encontro terá lugar no Aguillón, no antigo campo de fútbol, en horario de 11 a 13:30 horas, e contará cun programa cheo de actividades para todas as idades. Durante a mañá haberá xogos, música tradicional da man de Abertal e momentos dedicados á poesía galega, nun ambiente festivo e participativo. O “obxectivo desta iniciativa é crear espazos de encontro entre familias, fomentar o uso e o orgullo da lingua galega entre os máis pequenos e fortalecer os lazos de comunidade arredor do colexio”, destacan dende a ANPA.
Ademais, todas as persoas que o desexen poderán levar comida para compartir e quedar a xantar nun ambiente tipo picnic, aproveitando a ocasión para desfrutar dunha xornada ao aire libre e en boa compañía, polo que animan a todas as familias e persoas da contorna a “participar nesta celebración das Letras Galegas, convertendo a mañá nunha festa da cultura, da música e da convivencia”.