OurenseÚltima hora

A Romaría Etnográfica Raigame contará con 445 demostracións de artesáns traballando en vivo

Será o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes e nela renderase homenaxe aos 150 anos de “O Tío Marcos d’a Portela”, primeiro xornal en galego

 

A Romaría Etnográfica Raigame celebrará o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes (Celanova) a súa XXIII edición cun programa que volverá converter esta cita nun dos grandes referentes da cultura tradicional galega. Nesta ocasión, a organización quixo dedicar a edición de 2026 ao 150 aniversario da publicación de “O Tío Marcos d’a Portela”, considerado o primeiro xornal escrito integramente en galego.

Organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e o Concello de Celanova, coa colaboración da veciñanza de Vilanova dos Infantes, a Romaría ofrecerá durante toda a xornada unha ampla programación centrada na divulgación do patrimonio etnográfico, o folclore, os oficios tradicionais e a lingua galega.

Tal e como puxo de manifesto o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, durante a presentación desta edición, “estamos ante un dos actos culturais máis importantes da provincia, sendo Raigame a romaría etnográfica de referencia en Galicia”. Neste aspecto tamén incidiu o alcalde de Celanova, Antonio Puga, quen adiantou que se agarda unha ampla afluencia de visitantes “a este evento que pon en valor a nosa esencia e as nosas orixes”. Ademais, o rexedor quixo tamén agradecer o “bo entendemento” entre as administracións implicadas en Raigame -a Deputación e o Concello de Celanova) e enxalzou o bo facer do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, personificado no seu coordinador, Xavier Álvarez.

Foi precisamente Xavier Álvarez quen adiantou os detalles de Raigame, pois a edición deste ano renderá homenaxe á figura de Valentín Lamas Carvajal, creador e director de “O Tío Marcos d’a Portela”, coincidindo tamén cos 120 anos do seu falecemento. A organización destaca o papel fundamental desta publicación na defensa da lingua galega e na denuncia das inxustizas sociais, políticas e económicas da época.

Novidades

Como novidade, a Romaría ampliará o seu horario de mañá, iniciando as actividades ás 10.30 horas para dar cabida ao elevado número de agrupacións folclóricas participantes. Ademais, incorporarase unha nova visita guiada pola romaría da man do antropólogo Xavier Viana, así como novos espazos temáticos e propostas culturais.

Entre as actividades máis destacadas figura tamén o espazo dedicado a Manuel Blanco Romasanta, o “lobishome galego”, coa creación dun “Túnel do Medo”, así como a participación da Casa-Museo do Chocolate de Parada do Sil, recentemente recoñecida como colección museográfica pola Xunta de Galicia.

A programación incluirá tamén demostracións didácticas de oficios tradicionais, obradoiros artesanais, xogos populares, visitas guiadas, concursos populares e actuacións musicais e de baile tradicional. Máis de 20 grupos folclóricos participarán nunha xornada que rematará ás 18.30 horas coa actuación do grupo Castro Floxo da Deputación de Ourense e da Banda de Vilanova.

Nesta edición, a Romaría homenaxeará tamén a Begoña Caamaño, figura protagonista do Día das Letras Galegas 2026, e a Ramón Otero Pedrayo, coincidindo coa declaración de 2026 como Ano Oteriano.

Outro dos momentos centrais da xornada será a entrega do Premio Honorífico “Adolfo Enríquez” ao escritor e xornalista Xosé Luis Méndez Ferrín, recoñecendo tanto a súa traxectoria literaria e xornalística como o seu compromiso permanente coa Romaría Etnográfica Raigame e coa divulgación da cultura galega.

A Romaría contará este ano con 62 postos no interior do burgo, 445 demostracións de artesáns traballando en vivo, ademais de postos de gastronomía tradicional, artesanía e alimentación, consolidando unha cita que combina tradición, identidade e participación popular.

Back to top button