
Este xoves 14 de maio un grupo de seis persoas maiores de 60 anos emprenderá unha expedición única de 1.100 quilómetros na que cruzarán o Camiño de Santiago desde Gradignan (Francia) ata Santiago de Compostela a lombos de ciclomotores Mobylette restaurados por eles mesmos.
Este proxecto, titulado Postais desde o Camiño, non é “só unha fazaña loxística, senón un laboratorio itinerante que busca combater a soidade non desexada, pechar a fenda dixital no mundo rural e loitar contra o idadismo”, aseguran dende a organización, explicando que a semente deste proxecto plantouse en 1984, “cando un grupo de adolescentes realizaron este mesmo traxecto en Mobylette, creando un lazo histórico entre Gradignan e Santiago que culminou na creación da Association deas Amis de St Jacques de Compostelle de Gradignan. Agora, catro décadas despois, o proxecto retoma ese espírito de aventura baixo unha nova mirada: a da experiencia e a sustentabilidade.

Cine, Documental e Sustentabilidade
O cineasta Domingo D. Docampo, que se atopa en Gradignan desde hai uns días, acompañará á expedición para filmar un documental que rexistre a experiencia estética e humana da viaxe. Pero o proxecto vai máis aló da pantalla. “Unha vez finalizado o documental, estrearase nas localidades pola que pasou o grupo e impartiranse talleres de cine con smartphone para persoas maiores en contornas rurais, dándolles ferramentas para que sexan eles quen narre as súas propias historias”, adiantan, destacando que as Mobylettes utilizadas, algunhas con máis de 50 anos, foron rescatadas de despezamentos e reparadas, promovendo a filosofía de “reparar antes que substituír”.
A iniciativa, que conta coa colaboración da Association des Amis de St Jacques de Compostelle de Gradignan e da Asociación Mobilcinema de Galicia, posiciona aos maiores como “axentes culturais activos e mentores tecnolóxicos, demostrando que a vitalidade e a capacidade creativa non teñen data de caducidade”.