
O Concello de Ourense acometerá unha posta ao día do servizo municipal de préstamo de bicicletas. Tras case dez anos de funcionamento, dende o consistorio aseguran que pretenden iniciar unha “necesaria modernización deste servizo municipal”. Para iso, apuntan, revisarán o estado da totalidade de unidades, pintarán de novo as bicicletas, avaliará a adquisición de novas unidades para incrementar o servizo ou para substituír aquelas que acumulen un maior nivel de uso co paso do tempo, así como outras melloras que poidan redundar nun maior e mellor servizo público.
En canto aos prazos para esta posta a punto, dende o Concello aseguran que se fará cando venza o contrato de mantemento actualmente en vigor coa empresa San Mamede Bike S.A. Esta firma fóra adxudicataria do concurso convocado polo Concello no ano 2016 pero, por aparecer un funcionario municipal como administrador da empresa, finalmente tívose que retira a concesión por devandita irregularidade. Por este motivo, o servizo de bicicletas está dende onte, 4 de marzo, fóra de servizo.
A Concellería de Medio Ambiente vén de elaborar un novo prego de condición para adxudicarlle o servizo a unha nova empresa que se encargue do mantemento. O prego atópase arestora en tramitación na Concellería de Contratación para a súa próxima licitación.
En canto ás persoas aboadas, unhas 40 cifra o Concello, poden solicitar a devolución da taxa correspondente a este ano (5,30 euros). Para iso terán que encher un impreso por escrito e presentalo no Rexistro Xeral do Concello.
Entre tanto, o Concello de Ourense quixo pedir desculpas polas molestias que ocasione a interrupción do servizo aos usuarios e “comprometémonos a actuar coa maior celeridade posible coa finalidade de que se poda poñer no prazo máis breve posible e acometer unha moi necesaria mellora e modernización deste servizo”.