
A comarca de Valdeorras suma un novo campamento. A Área Recreativa do Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, acollerá este verán a primeira edición de VilaCamp, unha proposta de lecer educativo e deportivo dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos que combina deporte, natureza e experiencias ao aire libre nunha contorna privilexiada.
CD Córgomo e Concello de Vilamartín impulsan un verán diferente para nenos da zona e tamén de fóra, unha iniciativa que nace cun dobre obxectivo. Por unha banda “ofrecer unha alternativa saudable e divertida para as familias de Valdeorras” e, ao mesmo tempo, “dar a coñecer e poñer en valor o concello de Vilamartín, achegando a nenos procedentes de Madrid a unha experiencia de convivencia en plena natureza”.
O campus celebrarase por semanas (50 euros cada unha) entre o 6 de xullo e o 28 de agosto, en horario de luns a venres de 9 a 14.00 horas (para non internos), cun programa centrado na actividade física, o xogo cooperativo e o contacto coa contorna natural. Entre as actividades previstas destacan fútbol, natación, pádel, baloncesto, fútbol sala, tiro con arco, ximkanas, rutas de sendeirismo, orientación e dinámicas de grupo.

Alén das actividades deportivas, VilaCamp aposta por un modelo de lecer onde “a convivencia, a desconexión dixital e a aprendizaxe experiencial cobran protagonismo”, aseguran, destacando que a contorna natural do Bañadoiro permitirá aos participantes descubrir a riqueza paisaxística e cultural de Valdeorras a través de actividades no exterior e propostas vinculadas á natureza.
A proposta “conecta tamén coa filosofía do turismo experiencial e de natureza que impulsando experiencias que promoven o contacto coa contorna, o descanso activo e as actividades familiares ao aire libre”, din dende a organización, destacando que o campus busca “crear recordos, fomentar valores como o compañeirismo e ofrecer aos nenos unha experiencia auténtica lonxe das pantallas e preto do deporte e a natureza”.
Con prazas limitadas, VilaCamp abre xa o período de preinscrición tanto para familias da comarca como para participantes procedentes de Madrid.
Máis información e inscricións en vilacamp.com e no 628 918 056