
O Concello de San Xoán de Río presentará o próximo luns 18 de maio, ás 12.00 horas no Salón de Plenos, a nova Rede das Bibliotecas Mutantes, unha iniciativa promovida por Outonía S. Coop. desde o ano 2024 e financiada polo Ministerio de Cultura, en colaboración co propio Concello.
O proxecto nace co obxectivo de achegar a lectura e a cultura a máis recantos do territorio a través das coñecidas como Bibliotecas Libres, pequenos espazos de intercambio gratuíto de libros onde calquera persoa pode deixar ou coller exemplares libremente.
A presentación desta iniciativa terá lugar coincidindo coa celebración das Letras Galegas, unha data especialmente significativa para San Xoán de Río, xa que o municipio conta coa maior porcentaxe de galegofalantes de Galicia. Neste contexto, desde o Concello quérese reivindicar o papel da lingua galega como elemento fundamental da identidade, da cohesión social e do futuro do rural.
A xornada incluirá un obradoiro aberto a toda a cidadanía para dar a coñecer o funcionamento desta nova Biblioteca Mutante e promover a participación veciñal nun proxecto baseado no coidado colectivo, na cultura compartida e na creación de espazos comunitarios arredor da lectura.
Desde o Concello de San Xoán de Río destacan que iniciativas coma esta permiten “facer comunidade a través da cultura”, levando os libros, a lectura e tamén a lingua galega a novos espazos de encontro e convivencia no rural.
Baixo o lema “E se toda a xente coida o que todo o mundo usa?”, a Rede das Bibliotecas Mutantes busca converter a lectura nunha ferramenta de transformación social, participación e dinamización comunitaria.