
O Auditorio Municipal de Verín acolleu hoxe a actividade infantil “As mil e unha”, un espectáculo de narración oral e música protagonizado por Vero Rilo e Luis Iglesias no marco da programación da Semana das Letras Galegas 2026 do Concello de Verín.
Na actividade participaron máis de 230 alumnos e alumnas de primaria dos centros educativos CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España e CPR María Inmaculada.
A proposta achegou ao público escolar ao universo literario de Begoña Caamaño a través dun formato que combinou fantasía, música e narración oral para reivindicar o uso e a transmisión da lingua galega entre as novas xeracións.
Durante o espectáculo, personaxes míticos como Circe, Morgana ou Penélope guiaron ao alumnado nun percorrido polos mitos, as historias e o legado dunha das autoras máis destacadas da literatura galega contemporánea.
A actividade, de carácter gratuíto, foi organizada pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Verín.
Fotos: Concello de Verín.