DeportesÚltima hora

A Deputación colaborará coa FG de Caza en Ourense na prevención de lumes e na limpeza de estradas para reducir os sinistros provocados por animais

 

A Deputación de Ourense colaborará coa Federación Galega de Caza en Ourense na prevención de lumes e nas iniciativas que teñan como obxectivo reducir o número de accidentes de tráfico provocados pola presenza de animais na calzada.

Así o trasladou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido co novo presidente da Federación Galega de Caza en Ourense, Vicente Lameiro, a quen felicitou polo traballo realizado durante o curto período de tempo que leva á fronte do colectivo.

Luis Menor destacou a importancia da caza na provincia, unha actividade que “axuda a reducir os prexuízos que provoca o descontrol cinexético, de modo particular con especies como corzos e os xabarís” e comprometeuse a colaborar cos tecores ourensáns, a través da Federación, cunha axuda económica destinada a “unha actividade que desde o goberno provincial consideramos prioritaria como é a limpeza dos montes”, para evitar os lumes e a proliferación de especies como as citadas. Así mesmo, comprometeuse a reforzar os traballos para manter limpas as marxes das estradas provinciais, “favorecendo a detección temperá de animais nas inmediacións da calzada, o que axudará a reducir sinistros de tráfico”.

 

 

Pola súa parte, Vicente Lameiro agradeceu a disposición do presidente provincial á hora de aceptar as propostas realizadas polos técnicos da federación, “que repercutirán positivamente nos tecores, que son os que mellor coñecen o territorio”. Así, dixo, a limpeza de terreos contribuirá a unha maior efectividade das actividades de control cinexético, mentres que o reforzo da limpeza nas marxes das estradas provinciais facilitará a visibilidade de animais como o xabaril e o corzo, que provocan ao redor de 1.700 sinistros de tráfico anuais en todas as estradas ourensáns.

Actualmente, dos 109 tecores existentes na provincia, 74 están incluídos na Federación. O presidente da mesma aspira a lograr a curto prazo que todos os tecores da provincia estean federados.

Back to top button