
Tremendo susto o que se levaba un matrimonio veciño de Portela de Portomourisco (Larouco) a pasada madrugada. Era a unha e acababan de deitarse cando escoitaban ladrar aos seus cans: un mastín e unha cadela de caza pequena. “Sentímolos ladrar, pero o fan moitas veces, tampouco lle fixemos moito caso, pero xa sentimos a cadeliña gruñir e aular, entón tirámonos correndo da cama, saimos á terraza e xa vimos ao mastín pelexando cun lobo enorme e despois, detrás da perra, había outros dous de menor tamaño, entón empezamos a berrarlle nós e, ante iso, os lobos soltárona e marcháronse cara o monte”, explica Nieves, que confesa que levaron moito medo e que, aínda que marcharon, os lobos deixaron ferida á cadeliña e temen por ela. O mastín non sufriu danos.
Tras o ataque, estes dous veciños subían os cans para casa e os animais pasaban a noite na cociña. Agora están moi preocupados pola posibilidade de que os lobos volvan ao lugar. “A nosa casa pola parte de arriba ten peche, pero pola de abaixo non, e entraron por aí. E temos solicitado un peche e ímolo a facer xa, porque non podemos estar así, o pasado entraban xabaríns e agora son lobos”, explican.
Ademais comentan que houbo un veciño que xa vira o lobo na porta da súa casa e outro que se topara con el na entrada da localidade, en ambos casos de noite. Isto está a xerar preocupación na veciñanza. “Nesta ocasión tocounos a nós, pero pode pasarlle a calquera outra persoa que teña cans ou que estean paseando pola zona de noite, que vai moita xente a pasear e levan os cans con eles. Eu teño medo e de feito nestes días vou subir os cans para casa e a partir de agora vouno pensar ben antes de saír pola noite”, asegura Nieves.
Cre que como consecuencia do indendio do pasado verán, “no que ardeu todo desta parte para alá, pois agora os lobos están deste lado, cara Portela”.
