OurenseÚltima hora

Abre as portas o XVI Festival Internacional de Xardíns de Allariz baixo o lema da “Liberdade”

O certame consolida a súa proxección exterior con proxectos chegados de catro continentes e un total de 56 propostas presentadas

 

Arranca o XVI Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA). Esta tarde tiña lugar o acto inaugural desta nova edición, transformando o seu recinto nun espazo de reflexión arredor da “Liberdade”. Este concepto serviu de fío condutor para que paisaxistas de todo o mundo proxectasen a súa creatividade en espazos que convidan a romper barreiras e conectar coa natureza.

O acto, conducido pola xornalista Raquel Rosa, iniciouse coas notas do violinista Daniel López, quen puxo a banda sonora á benvida institucional. Durante a apertura, Raquel convidou ao público a reflexionar sobre un concepto tan necesario como o da liberdade, que nesta edición funciona como un lenzo en branco para profesionais do deseño de todo o planeta.

No transcurso do evento, lembrouse a excelencia da edición pasada, destacando o traballo de Claudia Carolina Avila con ‘El Jardín de Rocallas’ (Premio do Xurado Técnico) e do equipo formado por Mónica Alonso, Lucía González e Isabel Gutiérrez con ‘¡Se chove, que chova!’ (Premio do Público).

Un referente internacional único no Estado

A proxección do municipio como epicentro do paisaxismo quedou patente no éxito de convocatoria desta edición, na que se recibiron 56 proxectos, tal e como se destaca dende o Concello de Allariz. “É salientable que o FIXA se consolida como o único festival destas características en todo o Estado, título que na Península Ibérica comparte unicamente coa localidade de Ponte de Lima, en Portugal”.

Finalmente, foron nove as propostas seleccionadas que a partir de hoxe poden visitarse no recinto. Estas creacións estarán acompañadas polas dúas propostas gañadoras do 2025 e polo xardín dedicado aos centros educativos de Allariz, que pon en valor a implicación da comunidade escolar no certame. A diversidade cultural é a nota dominante deste ano, con participación de profesionais procedentes de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia e Portugal, ademais de representación de diversos puntos do Estado como Murcia, Barcelona, Madrid ou A Coruña.

Entrega de diplomas e apoio institucional

Un dos momentos centrais da tarde foi a entrega de diplomas ás autoras e autores dos novos deseños. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, estivo acompañada no escenario por Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. A institución provincial mantén unha colaboración estable co Festival dende a súa XIII edición. Así mesmo, o acto contou con representantes do ámbito académico e profesional, como Juan Antonio Caridad (UDC), Raquel Casas (UPM) e membros da Asociación Española de Paisajistas (AEP) e de AGAEXAR.

Francisco Caldeira Cabral, paisaxista e presidente do xurado, destacou durante a súa intervención a “alma e a calidade técnica” das propostas deste ano, que logran materializar o concepto da liberdade a través da botánica e o deseño.

Experiencia sensorial

Durante a súa intervención, Cristina Cid quixo dedicar unhas palabras moi especiais ao que foi o motor do Festival: “Hoxe é un día de ledicia pero tamén de moita emoción. Francisco García está hoxe con nós en cada recuncho deste recinto que el tanto amaba”. Nun dos momentos máis emotivos do acto, a alcaldesa fixo entrega aos familiares de Francisco García alí presentes dun cadro del no propio Festival Internacional de Xardíns. “A mellor homenaxe que podemos renderlle é seguir traballando coa mesma ilusión para que Allariz sexa unha ventá aberta ao mundo onde a arte e a natureza se dan a man. Este festival é un exemplo de como a sostibilidade e o deseño poden transformar o territorio, e hoxe máis que nunca, reafirmamos o compromiso de manter viva a súa pegada”, concluíu a alcaldesa.

Tras o peche institucional, o público asistente puido realizar o primeiro percorrido polos xardíns, unha visita enriquecida pola música de Daniel, as coreografías da escola de danza Bayadere e sesións de ioga a cargo do Recuncho do Silencio.

Con esta nova edición, Allariz reafirma o seu compromiso coa recuperación do espazo público e a promoción da cultura e a sostibilidade, convidando á veciñanza e visitantes a descubrir os novos “Xardíns da Liberdade”.

Fotos cedidas.

Back to top button