OurenseÚltima hora

A forza e a riqueza das tradicións galegas, na Romaría Etnográfica Raigame en Vilanova dos Infantes

 

A tradición galega cobraba vida con intensidade en Vilanova do Infantes (Celanova), un 17 de maio máis, coa 23ª Romaría Etnográfica de Raigame, declarada festa de Interese Turístico de Galicia desde 2012. Este mediodía diversas autoridades visitaban esta celebración, entre elas o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen lembrou o apoio da Xunta ás festas locais, que “constitúen un elemento clave na elaboración dunha programación turística variada e diversa”.

Ademais, segundo lembrou, as celebracións deste tipo “contribúen de forma decisiva a implicar á poboación na planificación e xestión e, así, a mellorar a gobernanza do destino e diversificar a economía da zona”. Xosé Merelles puxo en valor o papel da Romaría Etnográfica de Raigame na continuidade de tradicións e na visibilización do propio patrimonio etnográfico, histórico e cultural.

Merelles estaba acompañado por outras autoridades como o presidente da Deputación, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e o delegado da Xunta na provincia, Manuel Pardo.

Como novidade, esta edición da Romaría amplía o seu horario de mañá, iniciando as actividades ás 10.30 horas para dar cabida ao elevado número de agrupacións folclóricas participantes. Ademais, incorporarase unha nova visita guiada pola romaría da man do antropólogo Xavier Viana, así como novos espazos temáticos e propostas culturais.

Entre as actividades máis destacadas figura tamén o espazo dedicado a Manuel Blanco Romasanta, o “lobishome galego”, coa creación dun “Túnel do Medo”, así como a participación da Casa-Museo do Chocolate de Parada do Sil, recentemente recoñecida como colección museográfica pola Xunta de Galicia.

A programación inclúe tamén demostracións didácticas de oficios tradicionais, obradoiros artesanais, xogos populares, visitas guiadas, concursos populares e actuacións musicais e de baile tradicional. Máis de 20 grupos folclóricos participarán nunha xornada que rematará ás 18.30 horas coa actuación do grupo Castro Floxo da Deputación de Ourense e da Banda de Vilanova.

Nesta edición, a Romaría homenaxea así mesmo a Begoña Caamaño, figura protagonista do Día das Letras Galegas 2026, e a Ramón Otero Pedrayo, coincidindo coa declaración de 2026 como Ano Oteriano.

 

 

Back to top button