
A Deputación, a través do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), pon en marcha un ciclo de rutas de sendeirismo pola Vía da Prata entre Feces e Ourense, no marco do proxecto “Camiño Vertical”, unha iniciativa orientada á promoción do turismo sustentable e á posta en valor dos itinerarios culturais e naturais do territorio transfronteirizo galego-portugués.
Esta acción encádrase no proxecto Camiño vertical, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea, no que participa activamente o Inorde co obxectivo de potenciar os camiños históricos como recurso turístico, patrimonial e de dinamización económica para o rural.
O programa permitirá aos participantes descubrir a riqueza paisaxística, cultural e histórica da Vía da Prata a través de catro etapas que suman máis de 90 quilómetros entre a fronteira portuguesa e a cidade de Ourense. As persoas interesadas poderán inscribirse tanto no ciclo completo como de maneira individual en cada unha das etapas, facilitando así a participación segundo as preferencias e dispoñibilidade de cada camiñante.
Co obxectivo de garantir unha experiencia cómoda, segura e enriquecedora, todas as andainas contarán con servizo de guías especializados, así como transporte en autobús para facilitar os desprazamentos dos participantes. As inscricións poden realizarse a través da páxina web de Conoce Galicia e máis información no teléfono 988 253 359.

Calendario
31 de maio: Feces – Verín (18,7 km). Percorrido que cruza a fronteira que ven de Chaves, pasando por Feces de Abaixo, Mandín, Tamaguelos e Mourazos. Etapa de dificultade media-alta.
7 de xuño: Verín – Xinzo de Limia (34,8 km). Ruta que atravesa o castelo de Monterrei e o val de Albarellos ata o alto das Estibadas. Esta etapa poderá realizarse completa ou dividida en dous tramos: Verín-Trasmiras (21,5 km) e Trasmiras-Xinzo (13,2 km).
14 de xuño: Xinzo de Limia – Allariz (20,8 km). Andaina pola chaira da Limia e a antiga canle da Lagoa de Antela, seguindo os pasos da histórica Vía Nova romana ata Allariz.
21 de xuño: Allariz – Ourense (22,6 km). Etapa final que atravesa Santa Mariña de Augas Santas, un dos conxuntos etnográficos máis singulares de Galicia, antes de entrar na capital ourensá por Seixalbo.
