
O vindeiro venres 22 de maio Jesús Alfonso Parada presentará o seu libro “A Aira dos Ventos” no Salón de Actos da Casa da Cultura de Quiroga ás 20h. Esta é unha actividade incluída no programa “O mes das nosas letras”, promovido pola Área de Cultura e Área de Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga.
“A Aira dos Ventos” vén sendo unha peza teatral de 70 pp. Editada por Avant Editorial e ilustrada polo propio autor tanto na capa como na tripa e que versa sobre a dura vida no rural, onde un neno sempre está suxeito a un férreo control e onde tamén debe colaborar nas tarefas cotiás prescindindo dos xogos ou doutras actividades lúdicas. Cando xa é un adulto, e os seus proxenitores morren, debe enfrontar outros inimigos máis silandeiros e menos visibles, e por suposto, inesperados.
A obra plantexa unha viaxe onde os mitos conviven coa realidade dando sentido ás nosas accións. No rural galego onde a peza está ambientada, como no caso da antiga Grecia, os mitos teñen un comportamento moi humano e así aparece a Raposa da Morgaza, un dos mitos principais e tamén un dos menos estudados vinculados á montaña do interior galego. A raposa cobra vida e conversa cos protagonistas nalgunha das XX escenas que conforman a obra. Unha peza que se apoia nos silencios, nas emocións contidas, deixando que o propio lector imaxine o resto da acción para así participar e poder entendela mellor.
A música está presente en varias das escenas transportando ao lector ata os anos 70 do século pasado e tamén ata o s. XIII coas Cantigas de Santa María.
E cando todo parecía perdido, xorde a solución definitiva, esa que sempre estivo aí malia que; o protagonista principal non sabía como atopala… pois a Aira dos Ventos, ese espazo mítico, case sagrado onde todo se amaña de seu, existe… claro que existe, e se non existe haina que inventar.
Sobre o autor
Jesús Alfonso Parada é orixinario de Meiraos, no Concello de Folgoso do Courel, e destaca pola súa dedicación literaria e pictórica. O seu profundo amor polo rural e a historia fai que gran parte da súa obra recolla a etnografía, as tradicións, as lendas e a paisaxe da Serra do Courel. Cursou estudos de Historia, Traballo Social e Animación Sociocultural, Lecer e Tempo Libre na UNED e dende o 2007, ano no que viu a luz “Usos, costumes e cousas do Courel”, vén publicando asiduamente.
Jesús Alfonso Parada é, ante todo, un apaixonado do rural. Investigador e divulgador das tradicións do Courel, e da súa aldea, Meiraos, en particular, traballa arreo para preservar todo o patrimonio que temos nas aldeas. Ten publicados 3 ensaios e preto de 20 poemarios, recibindo varios premios na súa traxectoria dende 2007.
Con esta nova obra, “A aira dos Ventos”, fai unha incursión no xénero teatral para presentarnos a dura vida no rural e o universo emocional do seu protagonista.