
O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra vén de informar da apertura do prazo de inscrición para participar nas actividades do Laboratorio de Experiencias, unha nova programación pensada para testar e poñer en valor propostas turísticas singulares arredor da identidade, da paisaxe e da creatividade do territorio.
Todas as experiencias serán de balde para as persoas participantes e desenvolveranse entre o 23 de maio e o 28 de xuño, en diferentes puntos da Ribeira Sacra. A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Ribeira Sacra e nace como resultado dun proceso previo de análise da oferta existente e dos recursos con potencial para seguir construíndo un modelo turístico máis experiencial, sostible e conectado cos valores propios do territorio.
“O Laboratorio de Experiencias responde tamén ao momento estratéxico que vive a Ribeira Sacra coa súa candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO, que será resolta no mes de xullo de 2026 e que sitúa a auga como elemento central da paisaxe cultural do territorio. Neste contexto, a programación aposta por propostas vinculadas aos ríos, á memoria tradicional, á creación artística e ao traballo das persoas produtoras locais”, indica o consorcio.
Catro grandes liñas de experiencias
O programa estrutúrase arredor de catro eixos temáticos, que permitirán achegarse á Ribeira Sacra desde perspectivas diversas e complementarias:
Artes na Ribeira
Unha liña centrada na creación artística e na participación directa do público, con actividades arredor da música, da danza, da pintura, da escultura e do teatro. Inclúe as seguintes propostas:
- ● Danza e música contemporánea, con obradoiro, demostración de danza e concerto participativo de piano.
- ● Artistas por un día. Escultura e pintura, con talleres impartidos por Joaquín Balsa e Modesto Trigo.
- ● Xogando co teatro, unha experiencia de teatro de rúa que culminará cunha pequena representación ao final da xornada.
- ● Sinte a música de raíz, cunha introdución aos instrumentos tradicionais, elaboración dun instrumento propio e paseo musicado.
- ● Danza e música tradicional, con obradoiros de danza e pandeireta.
- ● Danza e música contemporánea 2, con taller, demostración e concerto participativode violín.Auga activaExperiencias de turismo activo na contorna dos ríos, combinadas con interpretación da paisaxe, da xeoloxía e do patrimonio asociado á auga:
- ● Ruta interpretativa das Fragas do Navea e dos Sequeiros de Pena Folenche.
- ● Sendekaiak, que combina sendeirismo e un tramo en kaiak.
- ● Barranquismo xeolóxico, cun descenso de canón acompañado por un xeólogo.
- ● Na busca de ouro, con percorrido por unha antiga ruta romana, visita ao Museo daMinaría Aurífera Romana e actividade de bateo de ouro no río Lor.
- ● Imos pescar, unha xornada de iniciación á pesca.
- ● Ruta interpretativa do río Mao.Buses experienciaisPercorridos en autobús para coñecer de primeira man proxectos produtivos, explotacións e espazos de creación repartidos pola Ribeira Sacra:
- ● SaborBus, con visitas a empresas produtoras de alimentos.
- ● GranxaBus, para descubrir explotacións agrogandeiras.
- ● ArtistaBus, con visitas a talleres de artistas e artesáns locais.
Cultura da auga
Un conxunto de propostas para afondar na memoria, nas lendas, na arquitectura e nas transformacións históricas da paisaxe da Ribeira Sacra:
- ● Unha tarde no muíño, unha tarde non é nada, sobre o funcionamento tradicional dos muíños como espazos de traballo, encontro e lecer.
- ● Na procura das xacias, unha experiencia arredor dos seres mitolóxicos e das lendas do territorio.
- ● Císter, arquitectura da auga, centrada na importancia da auga no desenvolvemento dos mosteiros.
- ● De Diomondi a Belesar, un camiño contado, seguindo o Camiño de Inverno e distintos elementos da cultura da auga, como o Ecomuseo de Arxeriz.
- ● Os encoros, transformación da paisaxe no século XX, cunha visita ao interior dun encoro e un percorrido interpretativo pola pegada destas infraestruturas no territorio.Calendario de actividadesAs experiencias desenvolveranse durante seis fins de semana consecutivas:
- ● 23 de maio: Danza e música contemporánea / ArtistaBus Ourense
- ● 24 de maio: Ruta interpretativa das Fragas do Navea e Sequeiros de Pena Folenche/ Unha tarde no muíño, unha tarde non é nada
- ● 30 de maio: Sendeirismo + kaiak / SaborBus Lugo
- ● 31 de maio: Artistas por un día. Escultura e pintura
- ● 6 de xuño: Na procura das xacias / Barranquismo xeolóxico / GranxaBus Lugo
- ● 13 de xuño: Na busca de ouro / SaborBus Ourense / Artesanía
- ● 14 de xuño: Xogando co teatro / Imos pescar
- ● 20 de xuño: Sinte a música de raíz / Císter, arquitectura da auga
- ● 21 de xuño: Ruta interpretativa do río Mao / GranxaBus Ourense
- ● 27 de xuño: Danza e música contemporánea 2 / De Diomondi a Belesar, un camiñocontado
- ● 28 de xuño: Os encoros, transformación da paisaxe no século XX / Na procura dasxacias / Danza e música tradicional.