Tras cinco días de viaxe, na tarde deste martes 19 de maio chegaba a Valdeorras o grupo que está a cruzar o Camiño de Santiago desde Gradignan (Francia) ata Santiago de Compostela a lombos de ciclomotores Mobylette restaurados por eles mesmos. “Algunhas con máis de 50 anos, foron rescatadas de despezamentos e reparadas, promovendo a filosofía de reparar antes que substituír”, aseguran.

Acompañados polo cineasta petinés Domingo D. Docampo que está a preparar un documental que rexistre a experiencia estética e humana da viaxe, facían parada no colexio Pablo VI-Fátima da Rúa e máis tarde en Petín, onde visitaban o Museo da Cervexa (Corte do Macho), cearán e farán noite antes de continuar a ruta cara Santiago.

Este proxecto, titulado Postais desde o Camiño, non é “só unha fazaña loxística, senón un laboratorio itinerante que busca combater a soidade non desexada, pechar a fenda dixital no mundo rural e loitar contra o idadismo”, aseguran dende a organización, explicando que a semente deste proxecto plantouse en 1984, “cando un grupo de adolescentes realizaron este mesmo traxecto en Mobylette, creando un lazo histórico entre Gradignan e Santiago que culminou na creación da Association deas Amis de St Jacques de Compostelle de Gradignan. Agora, catro décadas despois, o proxecto retoma ese espírito de aventura baixo unha nova mirada: a da experiencia e a sustentabilidade.



Tal como avanza Domingo, o proxecto vai máis alá e unha vez finalizado o documental “estrearase nas localidades pola que pasou o grupo e impartiranse talleres de cine con smartphone para persoas maiores en contornas rurais, dándolles ferramentas para que sexan eles quen narre as súas propias historias”.

Fotos cedidas.