Coa ollada posta no Ano Xacobeo 2027, o Colexio Pablo VI-Fátima continúa impulsando iniciativas vinculadas ao espírito do Camiño de Santiago coa creación de Pablín, un espantallo peregrino elaborado de maneira colaborativa polos alumnos do centro.
O proxecto, que combina creatividade, tradición e identidade cultural, foi ademais finalista nun certame convocado polo IEV (Instituto de Estudios Valdeorreses), recoñecendo así o traballo artístico e educativo desenvolvido polo alumnado.

Tal como explican dende o centro, Pablín representa “os valores do Camiño, a convivencia, o esforzo compartido e a unión da comunidade educativa arredor dunha iniciativa común”, destacando que esta iniciativa busca fomentar valores como a cooperación, a participación e o respecto polo patrimonio cultural, facendo do Camiño unha ferramenta educativa e de convivencia.
Baixo o lema “Camiñamos xuntos, medramos xuntos”, a proposta resume o espírito desta experiencia colectiva e a presentación oficial terá lugar mañá, xoves 21 de maio ás 13:30 horas no Salón de Actos do Colexio Pablo VI-Fátima.