
Dende o PP de Ourense vén de emitirse un comunicado de prensa relativo á recuperación da frecuencia matinal do tren de alta velocidade na Estación Porta de Galicia da Gudiña. Nel indícase que “celebramos que hoxe tivese lugar a recuperación dunha frecuencia matinal temperá do AVE nesta estación, o que demostra que a supresión de paradas acordada o 9 de xuño de 2025 foi un “capricho” do ministro Óscar Puente”.
Así mesmo, o deputado no Congreso Celso Delgado Arce apunta que, ao seu xuízo, “esta rectificación pon en entredito a decisión do ministro adoptada hai un ano, pola que se suprimían as frecuencias máis madrugadoras na estación da Gudiña, prexudicando así a milleiros de usuarios das comarcas orientais da provincia -Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, Trivese Conso-Frieiras-, ademais das zonas portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real-, que tiñan nesta estación un acceso próximo á alta velocidade”.
Delgado Arce defende o “traballo realizado polo Partido Popular de Ourense á hora de esixir unha rectificación por parte do Goberno de Sánchez a unha decisión que non tiña razón de ser algunha, impulsando ata unha decena de iniciativas tanto no Congreso como Senado”.
Tamén lembra Delgado Arce “iniciativas parlamentarias en Madrid e no Parlamento de Galicia, na Deputación, nos concellos e o apoio en dúas manifestacións poñen de relevo que o traballo político tamén ten o seu peso no cambio de postura fronte a unha decisión totalmente inxusta”.