CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Acordeireta (Patricia Glez. e Alejandro Balbuena) actuará este sábado na Casa-Museo Manuel María

 

Despois de Loitar cantando (2020), Acordeireita volta de novo á Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei (Lugo) co seu segundo traballo Baixo os remendos, nós, cun concerto este sábado, 23 de maio, ás 20 horas.

Patricia González Iglesias á voz e pandeireta e Alejandro Balbuena Ojea (con orixes en Vilamartín de Valdeorras) ao acordeón, parten do remendo co obxectivo de “concibir un álbum distinto e innovador”, en que se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Son eles, os remendos, os alicerces; e cos seus fíos presentaran este novo traballo composto ao longo de varios anos, sen présa, ao son do corpo. Como xa acontecera co seu primeiro traballo, a poesía e a música encóntranse para confluír nas voces e mans deste dúo para converter este disco nunha revolta, en que convive o social e a música tradicional, mesturada con temas de creación propia, unida ás raíces, e textos de poetas (Rosalía, Manuel María, Xela Arias…)”.

A revolta farase visible, este sábado, co seu directo onde non faltarán o acordeón cromático, o acordeón diatónico, diferentes tipos de pandeiretas, pandeiros, culleres, pratos con dedais e bombo, alén das voces e inclusive o son dunha antiga máquina de coser para lembrar tamén o importante labor das costureiras. A variedade de instrumentación, xunto aos diversos ritmos e tonalidades, crearán un ambiente fresco, contundente e emocionante que convidará aos presentes a bailar.

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621.

Back to top button