DeportesÚltima hora

Turismo de Galicia apoia á celebración da II marcha cicloturista EuroVelo Compostela

 

As inmediacións da Catedral de Santiago de Compostela acollerán o 28 de xuño a saída e a chegada da segunda edición da Marcha EuroVelo Compostela, unha proba cicloturista non competitiva. Na súa presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que “a Xunta aposta por un turismo de calidade no que a sostibilidade é un dos piares básicos do ADN turístico de Galicia como destino”. Neste sentido, salientou que eventos como a Marcha EuroVelo Compostela “permiten visibilizar novas formas de viaxar e descubrir o territorio, favorecendo unha relación máis respectuosa co patrimonio natural, arquitectónico e paisaxístico”.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles, subliñou que Turismo de Galicia “traballa para consolidar o recoñecemento internacional de Galicia como exemplo de turismo responsable, garantindo a mellor experiencia turística para os visitantes e contribuíndo ao desenvolvemento sostible do territorio”. Con este obxectivo, lembrou tamén o esforzo inversor realizado pola Xunta na rede EuroVelo ao seu paso por Galicia, cun investimento superior aos 1,37 millóns de euros financiados con fondos NextGeneration destinados á sinalización dos máis de 560 quilómetros das rutas europeas no territorio galego.

Asemade, o director de Turismo de Galicia puxo en valor recursos coma a paisaxe, o territorio e a aposta pola sostibilidade como principais atractivos para este tipo de turista. Así, destacou tamén o impacto positivo do turismo deportivo na Comunidade. Segundo os datos da Enquisa de Residentes de 2025, Galicia recibiu 118.000 turistas vinculados ao turismo deportivo, que xeraron preto de 270.000 noites e un gasto superior aos 31 millóns de euros. O gasto medio diario deste perfil turístico situouse nos 116 euros por persoa e día, por riba da media nacional.

 

 

Percorrido por cinco concellos

O percorrido da Marcha EuroVelo Compostela atravesará os concellos de Santiago de Compostela, Boqueixón, Touro, Arzúa e O Pino, ofrecendo dúas opcións adaptadas a todos os niveis: unha ruta de 55 quilómetros e outra de 91 quilómetros.

A proba está promovida por sete clubs e asociacións ciclistas da contorna compostelá: BTT Ultreia, Club Ciclista Compostelano, OliveiraBike, Clube Ciclista San Lázaro, Club Ciclista Botafumeiro, Noitebra F.C. e Os Escaravellos Clube Ciclista.

Esta cita deportiva toma o seu nome da rede europea EuroVelo, unha iniciativa da Federación Europea de Ciclistas que conecta o continente mediante 17 rutas ciclistas de longa distancia ao longo de 42 países e arredor de 90.000 quilómetros. Dúas destas rutas rematan en Galicia: a EuroVelo 1 Atlantic Coast Route e a EuroVelo 3 Pilgrims Route.

Back to top button