
Funergal abría na mañá deste xoves 21 de maio en Expourense, as portas da súa 13ª edición posicionando a Ourense no mapa internacional do sector funerario ao reunir a 44 expositores de 10 países e visitantes profesionais dunha vintena de países de 4 continentes. “A gran afluencia de visitas recibida durante esta primeira xornada ratifica o apoio dos profesionais do sector á única feira internacional funeraria celebrada este ano na Península e o único evento que ofrece negocio presentando o último en produtos e servizos”, aseguran dende Expourense, indicando que os visitantes proceden dunha vintena de países destacando a participación de funerarios de Portugal, que supón máis do 35% das visitas.
A innovación e a sustentabilidade marcan as novidades nos produtos e servizos presentados nesta cita polos 44 expositores procedentes de 10 países (Arxentina, Chile, Ecuador, O Salvador, España, Italia, México, Países Baixos, Perú e Portugal) entre os que destacan empresas punteiras e asociacións de profesionais do sector, Aquí estanse presentando as últimas tendencias que levan a organizar funerais sostibles (coches fúnebres eléctricos ou híbridos; urnas hidrosolubles ou reciclaxe dos metais tras a incineración), completamente personalizados (cadaleitos que recrean as alfombras do Corpus Christi de Ponteareas ou do Camino de Santiago) e adaptadas aos novos tempos xa que se han presentados desde velorios dixitais ata toda a axuda que pode ofrecer a Intelixencia artificial ao profesional funerario. Moitos dos produtos ofrecidos están orientados a manter o recordo do falecido a través de xoias, urnas que conteñen plantas preservadas con cinzas ou a creación de pezas como peluches ou chaveiros coas pezas de roupa especiais do falecido (sexa humano ou mascota).

En 2024 producíronse en España 433.547 defuncións e, por primeira vez, a cifra de incineracións superou o 50% en España. Este dato conleva tamén o aumento da oferta de produtos e servizos relacionados coa custodia e conservación das cinzas. Un dos expositores presentou o seu “Columbario activo” que se instala en tanatorios que ofrecen agora o servizo de custodia das cinzas durante un tempo determinado para que a familia poida vivir o seu duelo, ter un espazo físico próximo ao que acudir para renderlle homenaxe e lembrarlle e ter un prazo para decidir que quere facer coas cinzas. De feito, o columbario exposto en Funergal, cunha preciosa imaxe do Faro de Cabo Home, será instalado ao concluír a feira nun tanatorio de Moaña (Pontevedra).
O salón contou coa visita aos expositores dunha nutrida delegación de representantes institucionais entre os que se atopaba o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor. Nesta edición participan ademais empresarios funerarios de países como México, Perú, Chile, Ecuador e O Salvador, que están a manter reunións de negocio con todos os expositores.

Entre as actividades celebradas esta mañá destacou a presentación do novo mapa funerario de España presentada por ANFA-Agora, a nova asociación de profesionais funerarios que se presenta de forma oficial neste evento e que ten o obxectivo de unificar e defender intereses das pequenas e medianas empresas funerarias, con especial atención ás que operan no ámbito rural.
Chamou tamén a atención o taller de florería funeraria impartido por Rita Soto, florista do Carballiño, que presentou ao público as últimas tendencias en arte floral que pasan por utilizar flores brancas e novas estruturas como cestas ou modulares con niños para que ao concluír o funeral os membros máis achegados poidan levarse a casa unha parte do ramo como homenaxe ou recordo. Rita Soto presentou ademais a súa idea de “cartón de condolencias regalo” que inclúe as condolencias e un vale para un arranxo floral para o falecido para utilizar noutro momento distinto ao do propio funeral xa que, como indica “ás veces se xuntas demasiadas flores e con isto, poden levarlle flores en calquera outra data sinalada para o falecido como Nadal ou o seu aniversario”.

A feira conta ademais coa exposición “Cinenterios” promovida pola Asociación de Funerarias e Cemiterios Municipais AFCM-Cemiterios Vivos e que recolle unha mirada cinematográfica que permite descubrir o patrimonio cultural que encerran os cemiterios, proxectando unha visión contemporánea destes espazos da memoria. Tamén está exposto unha carruaxe fúnebre dacabalo cedido polo Grupo A Libélula de Valladolid.
A Fundación “Honra a quen Honra Merece” de México, presente na feira, entregará mañá venres, ao 17.30 h., os seus galardóns que recoñecen a achega ao sector funerario internacional tanto de empresas como de profesionais.
O horario de apertura de Funergal será mañá venres 22 de maio de 10 a 18h. e o sábado 23 de maio de 10 a 14:30h.
