DeportesÚltima hora

XVIII da BTT e Liga Galega de Karate, dobre cita deportiva en Maceda

 

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, estivo hoxe en Maceda onde se celebraron dous eventos deportivos “de primeiro nivel”. Ao comezo da mañá, Menor tivo a oportunidade de saudar aos 200 corredores e corredoras que competían na XVIII edición da BTT de Maceda organizada polo Club Ciclista Maceda, participando despois na entrega de medallas da terceira xornada da Liga Galega de Karate.

A BTT, que forma parte da Copa Deputación de Ourense e da Copa de Galicia, disputouse no circuíto xa clásico de Maceda, que xa albergou campionatos de España e que transcorre polos arredores do río Arnoia, con saída e chegada nas instalacións das piscinas municipais. O circuíto tiña unha distancia de 4,5 km por volta. O presidente provincial puxo en valor o traballo realizado polo Club Ciclista de Maceda, “capaz de xuntar a tanta xente en cada edición”, e amosou a súa satisfacción por ver que compiten desde os máis cativos na categoría infantil ata os máis veteranos en máster, demostrando que o deporte en Ourense “ten presente e moito futuro”.

 

 

Por outra parte, o presidente da Deputación participou na entrega de medallas da terceira xornada da Liga Galega de Karate que reuniu no pavillón municipal de Maceda a máis de 650 deportistas procedentes de 35 clubs que converten a Ourense no epicentro do karate galego. Cabe destacar o importante protagonismo ourensán nesta competición coa participación de 4 clubs da provincia: o Karate Club Maceda (anfitrión), o Club de Karate Xinzo de Limia, o Mizukami de Ribadavia e o River Stone do Barco de Valdeorras. Estes catro clubs ourensáns achegaron un total de 185 deportistas á competición, o que demostra a excelente saúde do karate na provincia. Ademais, o torneo conta coa participación de tres clubs portugueses, o que reforza os lazos transfronteirizos a través do deporte.

Así mesmo, esta competición incluíu a modalidade de Para-Karate que “encaixa perfectamente coa visión deste Goberno provincial de apoiar un deporte inclusivo, accesible e sen barreiras”, dixo Menor, asegurando que a Deputación colabora con este tipo de eventos porque “cremos firmemente que o deporte é o mellor escaparate para o noso rural”. Eventos coma estes “atraen visitantes, dinamizan a economía local e amosan a mellor cara de Ourense: unha provincia activa, sa e cunha contorna natural idílica para a práctica deportiva”.

Back to top button