Unhas 240 persoas participaban no mediodía deste 24 de maio na comida solidaria a favor de Manos Unidas celebrada na Rúa. Desenvolvíase a partir das 14h. no antigo Colexio das Monxas da Rúa desta localidade e estaba organizada polas Voluntarias da Caridade, fregueses das parroquias da Rúa e Petín, e o párroco da zona, en colaboración con Manos Unidas e a Diócese de Astorga. No xantar non faltaba o sorteo de agasallos doados por empresas da zona, nin a animación musical.
“Estamos moi contestas desta primeira comida na Rúa”, María Elisa, secretaria da Delegación de Manos Unidas da Diócese de Astorga, quen ademais agradecía o labor das voluntarias que se ocupaban do xantar e, de xeito especial ao párroco rues. Estamos encantada de estar aquí e de poder volver moitas veces máis. Así mesmo, explicaba o labor que desenvolve esta entidade dende hai 67 anos. “Nacemos dun grupo de mulleres que non quería permanecer indiferente ante a situación dos nosos irmáns noutras partes do planeta, sobre todo, para erradicar a fame”.

Así mesmo incidía en que dous son os fins principais de Manos Unidas. “Un deles é sensibilizar á poboación española, facerlle chegar esta necesidade dos nosos irmáns máis necesitados e, por outra banda, recadar fondos para poder levar a cabo os proxectos que todos os anos Manos Unidas promociona”.
María Elisa referíase en concreto aos da Delegación de Astorga, que este ano decidía apoiar tres proxectos: o primeiro un relativo ao acceso da mocidade a unha educación de calidade en Senegal (levada polos Padres Escolapios, que pretenden construír un edificio con aulas para educación primaria, unha sala multiusos, unha sala de profesores e uns aseos). Este proxecto ten un importe de 60.000 euros e vai beneficiar a uns 340 alumnos, 14 profesores e a 200 mulleres que están facendo formación para emprender”.

O segundo proxecto, prosegue, que se respaldará dende Astorga será na India, da man dos Irmáns Salesianos, e o seu obxectivo é “integrar a nenos e mozos que están na rúa, vulnerables, orfos, sen fogar, e mediante iso queren crear unha área de xogo cuberta, cuns baños, para que contribúa ao seu desenvolvemento físico e emocional”.
O terceiro proxecto que se apoiará estará así mesmo na India e está levado pola propia Diócese de Astorga e busca favorecer “ás familias tribais, descastadas, que teñen situacións dalgún familiar con lepra e iso fai que estean marxinados. Ten un importe de 26.855 euros e beneficiará a 2.336 persoas”.
María Elisa concluía sinalando que “todos estes proxectos lévanse a cabo grazas á xenerosidade de moita xente. Os fondos na nosa organización proveñen da colecta do segundo domingo de febreiro, das cotas dos socios e doantes, a través de actividade como comidas solidarias ou bocatas nos colexios, e temos unha parte que procede das herdanzas e dos legados. Hai xente que é solidaria e converten o seu testamento nun testamento solidario”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
