
A organización da A Revolta Irmandiña 2026 continúa ampliando a programación arredor da carreira de obstáculos coa intención de converter a fin de semana do 14 de xuño nunha experiencia que vaia máis alá do deportivo.
Entre as principais novidades desta edición destaca unha experiencia gastronómica de prazas limitadas da man do chef Martín Fernández, xerente do Bágoa Gastrobar, que levará á Bodega Gargalo de Roberto Verino unha proposta especialmente deseñada para a Revolta arredor do produto local, a cociña galega contemporánea e a experiencia arredor da mesa. A actividade, pensada para grupos reducidos, busca ofrecer unha proposta máis exclusiva para aquelas persoas que decidan aproveitar a fin de semana da Revolta para descubrir tamén a gastronomía e os viños da comarca nun formato máis coidado e experiencial. As reservas poden realizarse a través do correo arevoltairmandinha@ktorce.gal cun prezo de 45€.
A programación completarase cunha cata comentada de viños da Denominación de Orixe Monterrei impartida polo seu director técnico, Miguel López, nunha proposta pensada para achegar ás persoas participantes e visitantes aos viños que definen o territorio e reforzar a conexión entre a carreira e a identidade da comarca. As reservas poden realizarse tamén a través do correo arevoltairmandinha@ktorce.gal por un prezo de 10€
A estas iniciativas sumarase tamén un xantar popular o domingo 14 de xuño que o pasado ano reuniu a máis de 200 persoas e que nesta edición volverá funcionar como punto de encontro para atletas, acompañantes, voluntariado e veciñanza. No menú ofrecerase carne de guiso de xabarín, porco asado, empanadas e produtos da horta; ademais de contar con opcións veganas e, por suposto, rematar cunha selección de postres locais.
Outra das actividades que regresará nesta edición será o Pincho Irmandiño, que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 de xuño en distintos establecementos de Verín e Monterrei.

A iniciativa manterá un dos elementos que a converteu nun dos sinais de identidade da Revolta: os locais participantes deberán elaborar un pincho empregando exclusivamente ingredientes coñecidos en Galicia antes do descubrimento de América, deixando fóra produtos tan habituais hoxe como a pataca, o tomate ou o pemento.
A proposta volverá converter os locais da comarca nun dos centros da actividade durante os días previos á carreira, animando tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a percorrer os establecementos participantes. Na pasada edición superáronse os 3.000 votos emitidos, consolidando a iniciativa como unha das accións paralelas con maior resposta do público.
“A Revolta non é só unha carreira. É unha forma de activar a comarca desde distintos lugares, e a gastronomía é un dos máis directos. Permítenos implicar á hostalaría, ofrecer algo máis ás persoas que veñen competir e facer que moita xente decida quedar toda a fin de semana”, sinala Jose Prado, membro da organización.
Toda a información sobre inscricións e reservas das actividades vinculadas á Revolta está dispoñible en www.ktorce.gal. As persoas interesadas en consultar dispoñibilidade das experiencias tamén poden facelo a través do correo arevoltairmandinha@ktorce.gal.