ConcellosQuirogaÚltima hora

A relevancia do sentimento de pertenza á comunidade, no “Faladoiro” de Quiroga con Ubaldo Vila

Este veciño de Quiroga é psicólogo no Servizo de Atención Temperá situado neste municipio lucense

 

O vindeiro mércores 27 de maio, a biblioteca do Centro Social de Quiroga acolle a celebración dun novo faladoiro baixo o tema “O sentimento de pertenza-comunidade e o benestar psicolóxico”. A cita arrincará ás 18:00 horas e contará como convidado co psicólogo  Ubaldo Vila Anca.

Ubaldo Vila Anca, natural e veciño de Quiroga, é diplomado en Maxisterio, na especialidade de Educación Infantil, e Licenciado en Psicoloxía, especialidade de Psicoloxía Clínica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é psicólogo no Servizo de Atención Temperá de Quiroga. Falará dos efectos beneficiosos do sentimento de pertenza-comunidade para o noso benestar psicolóxico e emocional.

“Na actualidade a ansiedade, o estrés e a depresión son cada vez máis comúns. Numerosos estudos refiren que un forte sentimento de pertenza-comunidade ten efectos moi beneficiosos no noso benestar psicolóxico e emocional. Durante o Faladoiro falarase desta capacidade de cooperar, colaborar e contribuír ao benestar común, da súa presenza ou ausencia hoxe en día, da capacidade de recuperalo, en caso de perdelo, e de todas aquelas cuestións relacionadas para que cada un dos asistentes poida expresar o seu punto de vista”, adiantan dende a organización desta actividade.

O Faladoiro é unha iniciativa que promove o Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández. Trátase dun espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias.

Dende a Concellaría de Servizos Sociais apuntan, que sensibilizados tamén coa saúde comunitaria buscase que nalgúns dos faladoiros que se fan durante o ano se traten temas de interese común para axudar no benestar físico e mental da veciñanza. Sobre este tema atopamos moi adecuado o faladoiro deste mes ao poñer en relación o benestar psicolóxico e emocional co sentimento de pertenza á comunidade.

Back to top button