
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, era o encargado de entregar os galardóns da edición 2025 dos premios Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos de convivencia e benestar emocional e Boas prácticas de educación inclusiva, cos que a Xunta recoñece “o traballo dun total de 21 centros e unha aula hospitalaria nestes eidos, que son prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego”.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou os centros premiados pola súa implicación no desenvolvemento de proxectos en prol da eliminación da lacra do acoso escolar, para reforzar o bo clima das aulas e para que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades independentemente das súas circunstancias persoais. “Desde o Goberno galego traballamos nestes aspectos como as principais liñas da acción de goberno en materia educativa”, dixo, lembrando que se están a implementar novas iniciativas ao respecto.

O premio Tolerancia cero fronte ao acoso recoñece “as actuacións e proxectos de carácter individual ou colectivo desenvolvidos polos centros de ensino que implicaran un alto grao de compromiso coa loita contra situacións contrarias á convivencia escolar” e o segundo premio na Categoría B (ESO e Bacharelato) era para o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras polo seu Programa de prevención e tratamento do maltrato entre iguais.
O instituto barquense desenvolve un modelo integral de convivencia a través do seu proxecto, centrado no benestar emocional, a inclusión e a resolución pacífica dos conflitos como ferramentas clave para previr o acoso e o ciberacoso escolar. A través de programas de educación emocional, prevención, mediación e formación en ciberseguridade, o centro promove no alumnado habilidades sociais, empatía, autoestima e respecto á diversidade. A iniciativa aposta por metodoloxías cooperativas e polo apoio entre iguais, creando unha comunidade educativa segura, solidaria e participativa na que cada estudante se sente valorado e acompañado. Ademais, a implicación do profesorado, das familias e de entidades externas reforza unha cultura de convivencia positiva baseada no diálogo, o coidado mutuo e a igualdade.