
A Denominación de Orixe Valdeorras estará presente en WineMad – Madrid International Wine Fair 2026, feira que se celebrará no recinto feiral do IFEMA de Madrid entre os días 27 e 29 de maio e que reunirá a profesionais, adegas, distribuidores, importadores e prescritores do sector vitivinícola nacional e internacional. Valdeorras exhibirá neste foro o mellor da súa identidade vitivinícola.
Así pois, a participación da D.O. Valdeorras neste encontro permitirá dar a coñecer un total de 29 referencias vinícolas procedentes de 14 adegas da comarca, das que 22 corresponden a viños brancos e sete a tintos. A acción enmárcase dentro da intensa actividade promocional que o Consello Regulador está a desenvolver ao longo deste ano co obxectivo de reforzar o posicionamento e a visibilidade dos viños valdeorreses en mercados estratéxicos. Unha axenda promocional que se vai completar na fin de semana coa celebración dunha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras.
Identidade, diversidade e calidade
“O feito de participar nun foro destas características permítenos continuar achegando a identidade, diversidade e calidade dos nosos viños a profesionais clave do sector, consolidando ademais a presenza da denominación en mercados fundamentais como o madrileño”, destaca o director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, quen representará á D.O. en WineMad.
Ao longo deste 2026, os viños de Valdeorras xa estiveron presentes en diferentes accións promocionais e eventos especializados de relevancia nacional e internacional. Entre eles figuran a Barcelona Wine Week, Prowein Düsseldorf, o Salón Gourmets ou as citas da Experiencia Verema celebradas en Valencia, Madrid e Málaga.
Precisamente, no caso da cidade andaluza, o Consello Regulador completou recentemente unha ampla axenda profesional que incluíu presentacións e catas comentadas dirixidas tanto á comunidade educativa da Escola de Hostalería de Málaga como á Asociación de Sumilleres da cidade.
Sobre WineMad
WineMad – Madrid International Wine Fair preséntase como un gran encontro internacional do sector do viño que combina negocio, cultura e experiencia arredor do produto vitivinícola. Segundo destaca a organización, o evento busca converterse nun espazo de xeración de oportunidades comerciais e intercambio profesional, complementando a actividade feiral con propostas vinculadas á gastronomía, á cultura e ás experiencias sensoriais relacionadas co viño.
Con esta participación, a D.O. Valdeorras reforza a súa estratexia de promoción en eventos especializados de referencia, co obxectivo de consolidar o prestixio e o recoñecemento dos viños da comarca.