OurenseÚltima hora

A CEO e Amtega preparan ás empresas ante os ciberataques nunha sesión práctica sobre os principais riscos

O encontro, celebrado na sede da CEO en Ourense, poñía o foco en como deben reaccionar os equipos directivos ante unha crise real de ciberseguridade

 

A Confederación Emresarial de Ourense (CEO) celebraba neste 26 de maio unha xornada centrada na ciberseguridade industrial e na preparación dos equipos directivos para afrontar incidentes dixitais cada vez máis complexos e frecuentes. O evento, en colaboración co laboratorio de ciberseguridade industrial de Amtega, puxo o foco en como deben reaccionar as empresas ante unha crise de ciberseguridade real.

O encontro, desenvolvido en colaboración co laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial de Amtega, reuniu a responsables empresariais, expertos tecnolóxicos e profesionais do ámbito legal e da comunicación para analizar como debe actuar unha organización cando sofre un ciberataque. Na presentación da xornada, o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, destacou a importancia de “estar preparados para responder de forma coordinada, áxil e dilixente, pois a ciberseguridade xa non é unicamente unha cuestión tecnolóxica”.

A sesión contou coas intervencións de José A. Cascallana e Efrén Varón, por parte de Amtega, Alfonso Limia, da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rosa Casal da consultora de ciberseguridade Inprosec, e Víctor Lorenzo do Grupo Cuevas.

 

 

A sesión incluíu un exercicio práctico no que os asistentes tiveron que xestionar unha crise simulada provocada por un acceso non autorizado a sistemas industriais e corporativos, un roubo de información sensible e unha brecha de seguridade con impacto na empresa nos ámbitos operativo, legal e reputacional. Durante a dinámica, abordáronse aspectos clave como a toma de decisións baixo presión, a coordinación entre departamentos, a protección de datos privados, a comunicación de crise ou a continuidade do negocio.

Ademais, presentáronse os recursos e servizos do laboratorio de ciberseguridade industrial da Xunta de Galicia, unha iniciativa que busca converter a ciberseguridade nunha vantaxe competitiva para a industria galega a través de formación, simulacións e contornas de probas adaptados a distintos sectores empresariais.

A xornada concluíu cunha mesa de diálogo entre empresas e provedores especializados en ciberseguridade, na que se destacou a importancia de adestrar regularmente este tipo de situacións para reducir o impacto de incidentes reais e reforzar a resiliencia das organizacións.

Back to top button