
A importancia do xogo “como arma de paz e de socialización entre nenos e maiores, algo tan necesario e preciso nestas datas”, será a temática da XXV Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela. Así o adianta o seminario organizador dese encontro, que terá como lema “Cholo e Nela construtores de brinquedos”. Celebrarase o 28 de maio no CEIP Julio Gurriarán do Barco, coa participación de 13 centros educativos: os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo do Barco, ademais do Colexio Divina Pastora; os CEIPs O Bolo, Casaio, de Manzaneda, Manuel Bermudez Couso da Pobra de Trives, Virxe do Camiño de Rubiá, Manuel Respino e Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, o CEIP A Veiga e o CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo.
“Esta convivencia suporá a concentración duns 500 nenos acompañados dos profesores e colaboradores, duns 300 pais ou mais, o que lle dará a este día unha entidade propia e que terá unha grande repercusión”, din os promotores. O eixo da convivencia será o tema do xogo e os xoguetes, tanto tradicionais como creados a partir de materiais de refugallo ou reciclado, nunha chamada á tradición e ao xogo entre iguais, cooperativo, activo e sostible, fronte ao uso masivo das pantallas.

A convivencia manterá unha dinámica semellante a outros anos. Así, ao longo do curso os nenos traballan cunha unidade didáctica centrada nesta temática e que ten como protagonistas aos personaxes de Cholo e Nela. E, xa o propio día do encontro, desenvolverase unha serie de actividades por zonas: xogos, obradoiros, contacontos, exhibicións (contando coa presenza da Garda Civil, Policía Local, Ambulancias, GES…), ademais de inchables, colchonetas, música e “algunha sorpresa”, adianta a organización.
Ao mediodía, como de costume, haberá un xantar popular para os nenos e nenas, e tamén para os maiores colaboradores e participantes. Despois, está previsto que a xornada remate coa tradicional actuación da banda de Cholo e Nela (que tamén adoita saír ao escenario ao inicio da convivencia), que interpretará as cancións máis coñecidas dos últimos anos deste encontro educativo, lúdico e festivo. Ademais, poderá escoitarse a canción deste ano, “Brinquedos de Paz”.
Esta convivencia está organizada polos profesores de infantil do oriente ourensán e con ela preténdese que os rapaces “dos distintos centros do noso ámbito se relacionen e realicen conxuntamente actividades educativas de interese cara á súa formación”, indican os promotores.