“Atención! Xente lendo!”. É o lema convertido en chamada de atención dunha singular e interesante actividade que promove o IES Lauro Olmo do Barco e cuxa novena edición se desenvolvía ao longo da mañá deste 27 de maio. Trátase dunha ruta literaria na que este ano, se incorpora como novidade a prohibición de que o alumnado participante use o seu móbil para, dese xeito, facilitar que se interrelacionase coa veciñanza do Barco. Na iniciativa participaban todos os grupos da ESO e os de 1º Bacharelato (en labores organizativas).
A primeira hora (8.30h) deste 28 de maio o alumnado participante, na súa propia aula, recibía as instrucións a través dun breve programa realizado polo grupo de “Radio na Biblio”, que estará na páxina web do IES Lauro Olmo. Logo, o alumnado ía baixando ao patio onde se formaban os grupos, mesturados por cursos.
O alumnado de 1º Bacharelato (identificado con gorras de azul escuro realizadas na nosa aula de Polos Creativos) dirixíase aos seus respectivos postos para controlar as probas. O profesorado participante (identificado cunha camiseta conmemorativa tamén realizada en Polos Creativos) tamén se ía movendo cara as súas zonas para supervisar a actividade.

Esta edición incluía como novidade un xogo de probas a modo de xincana. Os distintos grupos tiñan que descubrir 15 lugares e resolver unha cuestión ou enigma en cada un deles. As probas agrupábanse en base aos eixos temáticos esenciais da vida e obra da autora homenaxeada nas Letras Galegas, Begoña Caamaño: xornalismo, feminismo, sindicalismo, mitoloxía e un último tema sobre as Letras Valdeorresas.
Ao remate, os participantes xuntábnase no espazo da praia fluvial, para ler algúns textos de Begoña Caamaño, compartir un aperitivo e tirar unha foto con todas as persoas participantes.
Fotos: A.R/cedidas.
