CulturaCulturaÚltima hora

Presentación de “Lobos te coman!”, a nova revista de pasatempos quiroguesa, o 30 de maio

 

O vindeiro sábado día 30 de maio presentarase en Quiroga a revista de pasatempos Lobos te coman!, creada pola profesora e escritora quiroguesa Celia Díaz Núñez e publicada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración coa Concellería de Dinamización Lingüística do Concello de Quiroga. O acto terá lugar na Casa da Cultura ás 19.00 horas, como remate das actividades do “Mes das nosas letras”, organizadas polas áreas de Cultura e de Dinamización Lingüística.

Celia Díaz Núñez conta cunha dilatada traxectoria literaria, integrada por libros de relatos, obras teatrais e novelas, algunhas de escenario quirogués (Todos te calan, A Boca do Monte ou Rugando). É tamén autora de libros de textos para a aprendizaxe da lingua galega en ESO (Editorial Anaya).  En 2002 publicou con Edicións Xerais o libro Restra de Letras, a súa primeira achega á creación de pasatempos, labor que agora retoma con esta nova achega.

Lobos te coman! contén unha ampla variedade de pasatempos: encrucillados, sopas de letras, xeroglíficos, autodefinidos, encadeados, cruzadas, dameiros…  ata completar un total de 45 xogos, co seu correspondente solucionario. A revista conta con fotografías de Ramón Vila Anca que ilustran diferentes espazos quirogueses e tamén incorpora códigos QR que remiten a rutas de sendeirismo, murais e outras propostas turísticas do concello, así como enlace aos museos quirogueses e a puntos significativos do Xeoparque Montañas do Courel.

A perspectiva lúdica (xogos para divertirse e ocupar os momentos de lecer) combínase coa divulgativa, pois todos os pasatempos céntranse en diversos aspectos do Concello de Quiroga: a paisaxe, a etnografía, a literatura, a economía, a historia, a xeoloxía, as festas e tradicións, etc.  Un conxunto que, tal e como sinala o subtítulo da revista, propón un percorrido físico e virtual polo concello de Quiroga para descubrir lugares de interese e coñecer o rico patrimonio natural e cultural deste territorio.

A revista está publicada integramente en galego, o que supón sumar contidos divulgativos e de lecer na nosa lingua para normalizar e fomentar o uso da mesma. O día da presentación todos os asistentes levarán un exemplar de agasallo e antes de rematar o curso entregaranse tamén nos centros de ensino do Concello de Quiroga. Así mesmo, haberá revistas a disposición do público na propia Biblioteca Municipal e na Oficina de Turismo.

Back to top button