Ata O Barco de Valdeorras desprazábase esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, para supervisar o desenvolvemento do exame de capacitación oficial necesario para a emisión do carné de artilleiro, que, por primeira vez, se descentraliza na localidade do Barco de Valdeorras.
Na aula de formación municipal, situada na Urbanización da Cerámica, o subdelegado, acompañado polo alcalde O Barco, Aurentino Alonso, puxo en valor a celebración desta proba nunha comarca onde os sectores da minería e da cantería son básicos, significando que a Administración Xeral do Estado responde á petición do propio sector e do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quen liderou esta reclamación e quen tamén estivo esta mañá no centro de examinación.
Eladio Santos agradeceulle ao alcalde a colaboración do Concello do Barco ofrecendo o espazo para o desenvolvemento do exame, que consta dunha proba tipo test con 50 preguntas, e que ten unha duración dunha hora.

En Galicia, xunto coa sede do Barco, tamén Pontevedra acolle a celebración desta proba. A organización corresponde á Area de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que xestiona o sur de Galicia (Ourense e Pontevedra).

Unha vez superada a proba, as persoas aspirantes teñen que acreditar a superación de probas psicotécnicas e un curso de formación, ademais de carecer de antecedentes penais e estar dado de alta nunha empresa autorizada para o uso de explosivos. Os sectores que requiren o uso de explosivos son os da minería, as canteiras, a construción (demolición ou tunelización) e a pirotecnia.
Fotos: Carlos G. Hervella.

