
Entre os asuntos que se abordarán na sesión plenaria que o Concello do Barco celebrará o vindeiro xoves figura unha moción do grupo municipal do BNG na que se solicita a creación dun parque infantil cuberto no municipio. A moción, asinada polo voceiro nacionalista, Manuel Agra, comeza expoñendo as características climáticas deste concello con “calor intensa durante o verán” e “entre 110 e 120 días de chuvias” durante o inverno. “Esta realidade non é circunstancial nin excepcional, senón estrutural, e condiciona de maneira directa o uso dos espazos públicos ao aire libre, especialmente os destinados á infancia”.
Así mesmo, lembra a significativa poboación infantil e xuvenil do Barco, “tal e como evidencian os datos de escolarización e estrutura demográfica. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2025, a poboación do Barco era de 13.370 habitantes. Deles, entre 0-14 anos había 1.484 habitantes. Centos de nenos e nenas utilizan diariamente os espazos públicos de xogo, e as familias demandan alternativas que permitan manter rutinas saudables, espazos de encontro e actividades ao longo de todo o ano”.
Entende o grupo municipal do BNG do Barco que “a creación dun parque infantil cuberto de titularidade pública constitúe unha resposta lóxica, razoable e acorde cun modelo de concello que aspire a garantir igualdade de oportunidades e acceso universal ao lecer infantil”.
E, así mesmo, lembran que “que esta proposta non é allea ao debate municipal noutras vilas e cidades galegas, pois temos como exemplo diversos concellos galegos que xa contan con espazos desta natureza, entre eles Culleredo, Poio, Trives, Boiro, Maside, Oleiros, Xove ou Carballo, o que evidencia que se trata dunha solución realista, viable e xa implantada con éxito noutros territorios. A existencia destes precedentes desmonta calquera argumento baseado na suposta excepcionalidade da proposta e sitúa esta iniciativa dentro dun marco de normalidade institucional e planificación responsable”.
Desde o BNG do Barco consideran que “esta proposta responde a unha necesidade real da veciñanza e que debe ser abordada desde unha perspectiva técnica, responsable e planificada, avaliando as distintas alternativas posibles e garantindo a viabilidade económica da actuación”.
Por iso, no acordo que se plantexa na moción, o BNG pide “instar o Goberno municipal a iniciar os estudos técnicos necesarios para avaliar a viabilidade da creación dun parque infantil cuberto de titularidade pública no concello do Barco, analizar, no marco destes estudos, as distintas alternativas posibles, incluíndo: a cubrición total ou parcial dun parque infantil xa existente, a construción dun novo parque infantil cuberto nun espazo municipal adecuado”. Así mesmo, solicítase “garantir que o futuro parque infantil cuberto se deseñe conforme os principios de accesibilidade universal, seguridade, inclusión e sustentabilidade ambiental”.