Alumnado e profesorado do CEIP Condesa Fenosa do Barco amosaban esta mañá de 1 de xuño no patio do centro un fermosa e interesante proxecto de posta en valor das árbores e os bosques, ao mesmo tempo, que se explicaba como poder defendelos dos incendios forestais. Era o resultado dun traballo desenvolvido ao longo deste curso e que xurdía logo do devastador lume que sufría a comarca o pasado verán.
“Cando o fume esvaeceu, a paisaxe que se podía enxergar dende O Barco era devastadora. Unha liña negra de montes arrasados, carbonizados, arrodeaba o val do Sil. E unha sombra de tristeza atrapazaba os ollos da boa xente da comarca, cansa de loitar contra do lume e ver as súas casas e leiras queimadas”, lembran dende este centro de ensino.
Ao mesmo tempo, explican que “os nosos bosques levan moitos anos soportando a arremetida cruel e atroz do lume. Ano tras ano seguimos laiándonos desta praga e seguimos sen facer nada que mude esta triste realidade. Pois nós xa estamos fartos e non aceptamos este feito coma un fado inevitable”. De aí, contan, este proxecto “documental sobre os nosos bosques, as súas árbores e os medios que temos de defendelos do lume. Porque cremos que hai que esforzarse en coñecer as nosas árbores. Porque coñecéndoas ímolas valorar, e se as valoramos na súa xusta medida ímolas amar. E as cousas que se aman se protexen e se defenden”, conclúen.

Así entre as 10:15h. e as 13:15h. realizabáse no patio do colexio unha “feira de proxectos”, no decurso da cal se presentaban os resultados das investigacións desenvolvidas ao longo do curso polo alumnado das diferentes clases ao resto dos compañeiros e compañeiras do colexio, apoiándose en diverso material elaborado polos propios escolares. Ao mesmo tempo, no caso dalgunhas árbores, contábase a súa vinculación con insectos, como son os vermes de seda, e tamén os seus diversos aproveitamentos como o aceite no caso das oliveiras.
O centro valora presentar este traballo noutras localizacións do concello do Barco para dalo a coñecer e, dese xeito, contribuír “a facer algo polos nosos bosques”.
Fotos: A.R.
