
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova celebrará finais de xuño a terceira edición das “Xornadas Memoria e Muller”, un encontro que pretende consolidarse como referencia na recuperación e divulgación da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo. Baixo o lema “Lembranza de María Cabaco”, as xornadas renderán tributo á fundadora e exvicepresidenta do Comité, falecida en febreiro de 2026, cuxa dedicación foi peza clave na construción desta iniciativa.
Os actos terán lugar os días 27 (sábado) e 28 (domingo) de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, coa colaboración e o patrocinio do Concello de Celanova, a través da Concellería de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Aurora Marco e Alvarellos Editora: un recoñecemento recente
A xornada do domingo arrancará coa presentación do ensaio María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, da autoría de Aurora Marco, profesora e investigadora que acaba de ser distinguida co Premio Peña Novo, un dos galardóns máis prestixiosos das letras galegas. Aurora Marco, publicada por Alvarellos Editora —selo de referencia na recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia—, achega ao programa un traballo rigoroso sobre a represión “quente”, a exercida nas primeiras semanas após o golpe.
Domingo Rodríguez Teijeiro: a voz académica de Celanova
O sábado pola mañá, o historiador Domingo Rodríguez Teijeiro (O Barco de Valdeorras, 1966), doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo e profesor da Área de Historia Contemporánea nesa mesma institución, impartirá a palestra Cárceres e presas durante a guerra e a posguerra.
Teijeiro é o investigador que con maior profundidade analizou a República e a represión na comarca de Celanova, especialmente a través do estudo da Prisión Central. O seu ensaio Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador. Represión e reclusión en Celanova, 1936-1943 (1998) constitúe a obra fundacional sobre a que se asenta boa parte do traballo de divulgación do Comité, e segue a ser referencia ineludible para calquera aproximación a este período.

Un programa de voces expertas
O sábado pola mañá, Lola Varela abordará As conquistas das mulleres na II República, situando en contexto os avances que o golpe de Estado truncou. Tamara López analizará As violencias sobre as mulleres no franquismo. Ás 13.00 horas, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán o ensaio Libertarias na Galiza 1891-1976, obra que amplía o coñecemento sobre o movemento libertario galego dende unha perspectiva de longa duración.
Falan as familias
A tarde do sábado incluirá unha mesa redonda na que falarán as familias das represaliadas, moderada pola historiadora Rosa Cid Galante, coa participación de familiares de presas e mestras vítimas da represión franquista. Un espazo para poñer rostros e voces concretas á historia colectiva. Xunto á Cid Galante estarán Paz Gómez-Del Valle Ochoa, María Antonia Rodríguez Pérez, Ana Quintas Martínez, María Ángeles Pérez e Laura Fernández Iglesias, testemuñas claves —e varias, inéditas— na investigación histórica sobre presas e mestras represaliadas na comarca de Celanova.
Inauguración da exposición “Presas e Mestras”
O domingo pechará as xornadas coa inauguración no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova da exposición “Presas e Mestras”. A represión das mulleres na comarca de Celanova, un proxecto expositivo que materializa anos de investigación e reunirá testemuños, documentos e historias de vida das mulleres do territorio que sufriron o rigor do réxime. Comisariada por Rosa Cid, e coas achegas das familias e varios arquivos e fundacións, Aurora Marco aceptou converterse na “madriña” dunha mostra que itinerará polos concellos e centros de ensino da comarca este ano e o próximo.
PROGRAMA RESUMIDO
Sábado 27 de xuño |
10.30 h. Presentación das xornadas.
10.45 h. Palestras: Lola Varela, Domingo R. Teijeiro e Tamara López.
13.00 h. Presentación do ensaio Libertarias na Galiza 1891-1976 (Eliseo Fernández e Dionísio Pereira).
16.15 h. Mesa redonda familiar, modera Rosa Cid Galante.
Domingo 28 de xuño |
11.00 h. Presentación do ensaio de Aurora Marco. 12.30 h. Inauguración da exposición Presas e Mestras.