O sábado 30 de maio celebrábase a primeira Olimpíada Galega de Bioloxía da ESO, unha iniciativa pioneira organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) que converteu o Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel no epicentro da divulgación científica e educativa escolar galega, en colaboración coa Olimpíada Española de Bioloxía e os concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
A xornada, desenvolvida no IES de Quiroga, reuniu os dez equipos finalistas procedentes doutros tantos centros educativos galegos, seleccionados previamente entre un total de 530 estudantes participantes de toda Galicia que superaron unha fase telemática inicial. Os equipos participantes estiveron formados por alumnado e profesorado dos seguintes centros: IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Plurilingüe de Ames, IES Porto do Son, IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), CPR SEK Atlántico (Poio), CPI As Mirandas (Ares), Colexio Santa María del Mar-Xesuítas (A Coruña), Colexio FEC-San José (Lugo) e CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén).

As probas teórica e prácticas
As probas da primeira Olimpíada Galega de Bioloxía da ESO arrancaron cun esixente exame teórico centrado en contidos de Bioloxía de toda a etapa educativa da ESO, incluíndo cuestións de bioquímica, citoloxía, histoloxía, anatomía e fisioloxía, zooloxía, botánica, xenética, evolución e ecoloxía. O cuestionario combinou coñecementos académicos con referencias de actualidade e divulgación científica, incorporando preguntas sobre a presenza da xenética no cinema e en series como Stranger Things, os cambios fisiolóxicos experimentados polos astronautas das misións Artemis da NASA arredor da Lúa ou mesmo cuestións vinculadas ao territorio, como a Festa da Cereixa de Ribas de Sil, para afondar no estudo dos tipos de froitos.
As probas prácticas destacaron pola súa variedade e enfoque aplicado, con actividades de microscopía en laboratorio, descrición e identificación de flores, cálculos de ecosistemas, exercicios de consello xenético humano, investigación científica e identificación de especies animais e vexetais de Galicia. A competición incluíu tamén retos (xogos) por equipos nos que a coordinación, a organización do grupo e a capacidade de traballo colaborativo resultaron determinantes para superar as distintas probas.

A programación incluíu tamén diversas actividades divulgativas vinculadas ao patrimonio natural e xeolóxico do territorio, cunha visita ao Museo Xeolóxico de Quiroga e á Dobra de Campodola, dous dos espazos máis emblemáticos do patrimonio xeolóxico galego. As visitas, dirixidas tanto ao alumnado como ao profesorado participante, estiveron guiadas polo xeólogo do Xeoparque, Roi Sampedro, e polo director dos museos de Quiroga, Ramón Vila.
Acto de clausura
O acto de clausura tiña lugar no Concello de Ribas de Sil, nunha sesión conducida pola coordinadora da Olimpíada, a profesora Iria Chapela. O evento estivo presidido por Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil e presidente do Xeoparque; Pablo Fernández, xerente do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia; Luis Fernández, membro da Xunta Directiva da Olimpíada Española de Bioloxía e delegado de España na Olimpíada Iberoamericana de Bioloxía; e José Luis Rivera, alcalde de Quiroga. Tamén estiveron presentes o profesor Fabio Mascareñas, director do IES de Quiroga, e Fernando Vázquez, xefe de sección de Biodiversidade de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Premiados
A medalla de ouro foi para o equipo do Colegio Santa María del Mar – Jesuítas da Coruña, integrado por Carmen Suárez Fresco, Diego Castro Rilo e Alejo Martínez Rodríguez, baixo a coordinación da profesora María Victoria Prego.

A medalla de prata recaeu no IES Eusebio da Guarda da Coruña, co equipo formado por David Accion Rivas, Carla Chacón Amenedo e Ariana Crego Romero, coordinados polo profesor Iván Rivera.

A medalla de bronce foi para o IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, representado por Antía Diniz Lago, Lucía Milano Vallone e Daniela González Fernández, baixo a coordinación da profesora Sandra Benita Vázquez.

Na categoría de mellor participación individual, o recoñecemento foi para Uriel Moral Sánchez, alumno do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (Ourense), coordinado polo profesor José Ángel Angín.
