
A XXVII Feira do Viño de Valdeorras pechou o pasado domingo as súas portas cun balance moi positivo, despois de reunir a máis de 5.500 persoas ao longo da fin de semana e servir arredor de 25.000 copas de viños brancos e tintos das adegas participantes.
A cita, que este ano coincidiu coa celebración do 80 aniversario do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, confirmou o éxito das novidades introducidas nesta edición, especialmente o cambio de localización ao Paseo do Malecón do Barco de Valdeorras e a ampliación do evento cunha xornada máis de actividade.
As catro sesións programadas —venres pola noite, sábado ao mediodía, sábado tarde-noite e domingo ao mediodía— rexistraron unha gran afluencia de público, cun recinto feiral ateigado de visitantes que desfrutaron dos viños da denominación nun ambiente festivo e familiar.
Alma de festa
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, valorou moi positivamente o desenvolvemento do foro e destacou que “o cambio de emprazamento foi un acerto, porque permitiu gañar espazo, comodidade e visibilidade para as adegas e para os visitantes”.
Prada sinalou ademais que durante toda a fin de semana “percibíase á xente desfrutando cos nosos viños, compartindo experiencias e gozando do ambiente. Había alma de festa”, apostilou. “Todo isto -proseguiu- ten que facer que sintamos orgullo polo noso territorio e polo excelente traballo que hai detrás de cada botella que producimos na comarca”.
Participación récord de adegas
A feira contou coa participación de 22 adegas, a cifra máis alta da última década, un dato que volve poñer de manifesto o bo momento que atravesa o sector vitivinícola valdeorrés e a implicación das bodegas na principal cita promocional dos viños da comarca.
Os cinco postos de Artesanía Alimentaria presentes no evento – Ánades Galicia, CienPorCel, Queixos Feijoo, Sacrapastas e Xacobleas.- tamén fixeron un balance moi positivo da feira, xa que centos de persoas se achegaron aos stands para coñecer e degustar os seus produtos. Moitos visitantes aproveitaron para consumilos no propio recinto feiral, mentres que outros optaron por mercalos para levalos para a casa, contribuíndo así ao éxito comercial desta edición.
Xunto ás degustacións, o programa incluíu actividades para toda a familia, propostas gastronómicas, actuacións musicais, obradoiros infantís, showcookings e diferentes iniciativas que contribuíron a converter o recinto nun espazo de encontro para veciños e visitantes chegados de distintos puntos de Galicia e, mesmo, doutras comunidades.
Agradecemento institucional
O presidente do Consello Regulador agradece expresamente o respaldo institucional recibido durante a inauguración da feira. “Queremos trasladar o noso agradecemento a todas as autoridades que nos acompañaron nunha edición tan especial para a denominación de orixe e para o sector vitivinícola de Valdeorras”, indicou.
De maneira especial, Marcos Prada agradeceu a presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez; do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte; e do alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, así como do resto de representantes institucionais que participaron no acto inaugural.
Escaparate excepcional
Desde a organización realízase un balance moi satisfactorio desta edición da Feira do Viño de Valdeorras, que volveu converterse nun escaparate excepcional para os viños da zona e nunha celebración arredor dun dos principais sinais de identidade da comarca.