
Na sesión plenaria que a Corporación barquense celebrará o vindeiro xoves 4 de xuño o grupo municipal do PP presentará unha moción relativa á “necesidade urxente de reforzar a limpeza no municipio”. Din os populares no texto desta iniciativa que “son cada vez máis frecuentes as queixas veciñais relacionadas co estado de limpeza de diferentes puntos do municipio do Barco, tanto no centro urbano como nas distintas parroquias. A imaxe que hoxe proxecta O Barco en numerosas zonas do centro urbano e das parroquias non pode seguir xustificándose como feitos illados ou incidencias puntuais nin moito menos culpando á veciñanza. A acumulación de situacións de falta de limpeza evidencia unha ausencia de control, seguimento e prioridades por parte do goberno municipal nun servizo tan básico como o coidado do espazo público o que está a xerar un crecente malestar social e unha sensación xeneralizada de abandono entre a cidadanía”.
O grupo municipal do PP fala de “acumulación de suciedade en determinadas zonas, maleza e residuos, falta de limpeza continuada en espazos públicos e unha crecente sensación de deixamento está a trasladar a percepción de que un servizo esencial non está a recibir a atención que merece. A situación resulta especialmente preocupante porque afecta directamente á imaxe do municipio, á calidade de vida da cidadanía e ao uso diario dos espazos públicos”. E inciden en que “non se trata dunha cuestión estética nin secundaria, senón de garantir unhas condicións dignas no espazo público e unha adecuada atención ao día a día do municipio”.
Por todo iso, a moción pedirá o apoio da Corporación para acadar os seguintes acordos:
“1. Realizar, con carácter urxente, unha campaña extraordinaria de limpeza viaria no conxunto do municipio, incluíndo centro urbano e parroquias. 2. Elaborar, un plan específico de limpeza viaria e de espazos públicos que estableza frecuencias mínimas de actuación e unha planificación periódica por zonas do municipio. 3. Incrementar de xeito inmediato a frecuencia das actuacións ordinarias de limpeza naquelas zonas onde actualmente exista unha maior acumulación de incidencias ou queixas veciñais. 4. Publicar periodicamente, a través da páxina web municipal e outras canles oficiais, unha planificación orientadora das actuacións de limpeza previstas por zonas do municipio. 5. Dar conta no próximo pleno municipal, das actuacións realizadas, incidencias detectadas e medidas adoptadas para mellorar o estado de limpeza do municipio“.