
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, vén de supervisar da man do alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, o estado das obras de mellora do viario que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño neste municipio. Esta actuación realizábase a través do acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, que conta cun investimento de preto de 145.800 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego.
O delegado territorial explicou que este camiño coñecido como subida a Soutelo ten unha lonxitude de 560 metros, aínda que a actuación abarca 462,80 metros iniciais partindo da estrada provincial OU-0701, é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, xa que é o principal viario que os comunica entre eles e entronca coa estrada provincial de Manzaneda a Pobra de Trives. Esta vía tamén é empregada polos turistas que visitan estas paraxes de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.

Neste senso, Manuel Pardo indicou que esta actuación ten como obxectivos principais a mellora do drenaxe do camiño, a mellora da capa de rodaxe e sinalización viaria horizontal do camiño, e o soterrado do cableado aéreo da iluminación pública e de electricidade. Tamén se levarán a cabo a revisión das redes pluviais e a dotación de pequenas zonas verdes.
O representante autonómico, enmarcou estas intervencións ao abeiro do Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora coas entidades locais para a execución de obras de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Neste marco, o delegado territorial fixo fincapé que, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
