A do martes 2 de xuño foi unha tarde de celebración e recepcións para a UD Ourense que vén de acadar un ascenso histórico á Primeira Federación.
Cara as 19 horas saía o autobús descapotable cos xogadores cara a rúa Progreso onde esperaba a afección, con parada na Deputación para a recepción por parte do goberno provincial. Alí, o presidente Luis Menor, ratificaba o “apoio inquebrantable” desta institución ao club ourensán asegurando que é “apostar pola nosa identidade, é soster o orgullo de miles de ourensáns que ven en vós os valores que nos definen: a lealdade, o esforzo e a dignidade”.

Durante a recepción, o presidente da Deputación manifestou o orgullo que supón este fito para toda a provincia, cualificando o logro como “a proba mesma de que cando Ourense cre en si mesmo, non hai meta que se lle resista”. Así mesmo, o presidente provincial tivo palabras de agradecemento para os xogadores por “defender con paixón” a provincia; para a directiva e corpo técnico por “un liderado con cabeza e corazón”; e, por suposto, á afección da UDO que demostraron ser “o motor que nunca se apaga”. Neste senso, comprometeuse a “dar a batalla fóra dos terreos de xogo” para dotar ao club das ferramentas necesarias para seguir medrando, asegurando que o teito da Unión Deportiva Ourense “aínda non está escrito”.
Como lembrou o presidente da Deputación, este ascenso a Primeira é o resultado dunha traxectoria de moito traballo baseada no esforzo, a constancia e a capacidade de superación do equipo. Este fito, que culminou coas xa inesquecibles imaxes de celebración en Cuenca e cunha Praza Maior de Ourense completamente abarrotada de afeccionados entregados, demostra o extraordinario nivel competitivo dun grupo que levou o nome da provincia co orgullo e coa paixón que o caracterizan fóra e dentro do terreo de xogo, subliñou Menor.

Despois, o equipo avanzaba despois cara a praza Maior onde tiña lugar a recepción por parte do goberno local e a homenaxe ao equipo. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes dos 4 grupos políticos municipais (DO, PP, PSdeG-PSOE e BNG) asistiron á recepción, que estivo conducida polo concelleiro de Deportes, ex xogador de Club Deportivo Ourense, Aníbal Pereira. O alcalde e o concelleiro felicitaron o equipo ourensán por este extraordinario éxito deportivo e animárono a dar continuidade á súa excelente traxectoria durante a próxima temporada na Primeira Federación.
O acto congregou unha nutrida afluencia de público, que encheu a Praza Maior para celebrar o histórico logro do equipo ourensán. A UD Ourense acadou este ascenso logo de superar na última eliminatoria a Unión Balompédica Conquense, á que derrotou por 1 gol a 0 no partido de ida no campo do Couto e por 2 goles a 0 no partido de volta, que se disputou o domingo en Cuenca, e que foi seguido por milleiros de ourensáns en directo a través dunha pantalla xigante desde a praza Maior de Ourense.

E xa na mañá deste mércores 3 de xuño, era o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, quen recibía na sala de xuntas da Delegación Territorial aos xogadores, corpo técnico e directiva da Unión Deportiva Ourense para trasladarlles os parabéns polo seu ascenso a Primeira Federación.
Durante a recepción, o delegado territorial felicitounos por acadar este segundo ascenso consecutivo do equipo ourensá xa que o ano pasado foron campións do Grupo I de Terceira Federación, e transmitiulles o firme compromiso da Xunta de Galicia na promoción e o fomento do fútbol na provincia de Ourense.