
No xénero policíaco, pero sen deixar o humor (iso si, con toques surrealistas e unha pinga de absurdo),mergúllase Gargallada Teatro na súa nova función: “García, un cadáver informal”. Trátase dunha recreación da obra homónima de Enrique Jardiel Poncela.
A trama comeza cun brinde de namorados que celebran o seu inminente enlace no salón. Nese intre, un infeliz señor García entra e suicídase no diván. Ante este inesperado feito, os noivos chaman ás autoridades e, a partir de aí, xérase unha serie de situacións absurdas, cunha revirada deriva que dá lugar a unha “comedia áxil cun sorprendente final”, adianta a compañía valdeorresa.
A peza, con dirección de Manuel Caramés, estrearase o 5 de xuño ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco e haberá outra sesión o día 6 de xuño ás 20h. As entradas están dispoñibles de forma anticipada en Ton&Son.
O elenco da obra está formado por Álvaro Baños, Aurora Fernández, Xavier Blanco, Emilio González, Juanjo Fernández, Martina G. Carral, Ángel Rodríguez, Moncho Díaz, Carmen Hernández, Reyes Limia, Manuel González e Xosé Lois Conde. Gargallada convida novamente a desfrutar do humor.
