
A Área de Deportes do Concello de Verín pon en marcha unha nova edición da Escola de Verán, unha das iniciativas máis consolidadas e demandadas polas familias da vila durante o período estival. A XVII Escola de Verán desenvolverase entre o 22 de xuño e o 8 de setembro e está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 15 anos.
O programa combina actividades deportivas, educativas e de lecer cun enfoque centrado na convivencia, a igualdade e os hábitos de vida saudables. Ao longo de todo o verán, os participantes poderán desfrutar de xogos coeducativos, torneos deportivos, actividades acuáticas, obradoiros creativos, saídas pola contorna, excursións, xornadas temáticas, cine, teatro, danza e bailes urbanos, entre outras propostas.
A oferta deportiva inclúe disciplinas como voleibol, atletismo, baloncesto, fútbol-7, natación, fútbol sala, balonmán, tenis de mesa e pádel, complementadas con visitas diarias ás piscinas descubertas de A Granxa.
Entre as principais novidades desta edición destacan o mantemento dos grupos específicos de fútbol e fútbol sala durante os cinco días da semana, a incorporación de novos destinos para as excursións e unha ampliación da oferta de disciplinas deportivas e actividades competitivas.
Diferentes modalidades de participación
Co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante o verán, a Escola de Verán ofrece distintas fórmulas de participación adaptadas ás necesidades de cada familia. Será posible inscribirse por días soltos, semanas, quincenas, na modalidade semi-completa (un mes e dúas semanas) ou para todo o período estival.
Os participantes poderán escoller entre tres modalidades de grupo:
- Grupo Xeral, con opción de asistencia de tres días (luns, mércores e venres) ou cinco días á semana.
- Grupo de Fútbol/Fútbol Sala, destinado a nenos e nenas a partir dos sete anos, tamén en modalidades de tres ou cinco días semanais.
- Grupo Mixto, que combina actividades xerais e fútbol ao longo dos cinco días da semana.
As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de 08:00 a 14:30 horas, tendo como principais espazos de referencia o Pavillón Municipal de Deportes e o Complexo Deportivo A Granxa.
Reunión informativa para as familias
Como antesala ao inicio da actividade, o luns 22 de xuño ás 09:00 horas celebrarase unha reunión informativa no Pavillón Municipal de Deportes dirixida a todas as familias e participantes inscritos, incluídos os grupos de fútbol e fútbol sala.
Inscricións abertas
O prazo de inscrición, que xa está aberto al público, permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles. As solicitudes tramitaranse por estrita orde de chegada, establecéndose prioridade para as familias monoparentais que traballen e non dispoñan doutras alternativas de conciliación.
As inscricións poderán realizarse de forma presencial no Pavillón Municipal de Deportes (Rúa Irmáns Moreno, 13), de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou mediante correo electrónico a través do enderezo deportes@verin.gal.
A documentación necesaria inclúe a solicitude de inscrición, a folla de consentimentos, unha copia do DNI do menor, o xustificante de pagamento das taxas e, no caso de optar ás tarifas reducidas, a acreditación de empadroamento.
Toda a documentación necesaria para a inscrición poderá descargarse na web municipal, incluíndo a solicitude de inscrición, a folla de consentimentos, a normativa xeral de inscricións e o decálogo de convivencia para os participantes.
As tarifas son as seguintes
