
Pedro Yáñez Salgado é o novo presidente do Partido Popular en Manzaneda, logo do congreso celebrado por esta agrupación local e no que o presidente provincial do partido, Luis Menor, puxo como deberes “facer un partido máis forte e reunir ao mellor equipo de persoas para conseguir a maioría nas eleccións locais de 2027”.
“Este congreso non é un acto protocolario”, advertiu Luis Menor no seu discurso de clausura, “aquí vimos a facer partido”, engadiu, aludindo á “valentía de Pedro Yáñez á hora de presentar a moción de censura que lle devolveu a alcaldía ao PP case 20 anos despois do último alcalde popular”.
O presidente provincial subliñou que “Manzaneda xógase moito nas próximas eleccións, razón máis que suficiente para poñerse a traballar en clave de partido, escoitando á xente e preparando ao mellor grupo de persoas para ofrecer futuro ao concello. Neste obxectivo non ides estar sos”, apuntou Luis Menor en referencia ao PP provincial.
Pola súa banda, Pedro Yáñez agradeceu o apoio e a oportunidade para liderar o PP local, animando aos seus a “batallar duro neste ano que nos queda para demostrar o valor do Partido Popular neste concello e o que pode aportar aos populares en toda a provincia”.
O congreso local de Manzaneda abre unha nova rolda de conclaves que durante este mes de xuño tamén se celebrarán en Viana do Bolo e Esgos.