
“Nestes tempos nos que de xeito imparable está avanzando o sentimento contrario a presenza de persoas migrantes, o pleno municipal celebrado no día de onte decidiu aprobar unha moción a favor da regularización”, así o vén de comunicar, a través dunha nota de prensa, o grupo de goberno de Parada de Sil.
Segundo manifesta o seu alcalde, Aquilino Domínguez, este concello “vén tendo unha práctica habitual a prol deste colectivo, impulsando políticas de integración e convivencia, como se fixo o día internacional da muller, no que se proxectou un vídeo no que moitas das protagonistas eran persoas migrantes que están a traballar en Parada de Sil, ou se fixo sempre na axilización na emisión dos informes de vulnerabilidade”.
O portavoz do PSdeG que presentou a moción explicaba que “se o os migrantes fosen expulsados, en Parada de Sil a maioría dos negocios de hostalería terían que pechar” e tamén e fixo fincapé en que para nada colapsan os servizos médicos, entre outra razóns porque a maioría son persoas xoves que non necesitan ese servizo e “están a contribuír o benestar e a riqueza deste concello que segundo datos publicados fai uns días é o terceiro de Ourense coa renda per cápita máis alta de Ourense”.
A moción saíu adiante cós votos do Partido Socialista e o BNG e abstención do concelleiro popular.