ConcellosO BarcoÚltima hora

Pechada ao tráfico pesado dende esta mañá a estrada xeral da vila do Barco de forma preventiva

 

Tras detectarse unha incidencia durante os traballos de inspección dun pozo da rede de saneamento no tramo situado entre a avenida Conde de Fenosa e a rúa Santa Rita, o Concello do Barco vén de informar de que dende esta mañá, e ata novo aviso, queda pechada ao tráfico pesado, o tramo da N-536 comprendido entre a avenida do Bierzo e a rotonda de CEDIE, logo de que os técnicos comprobasen que parte do asfalto podería estar descalzado. Lémbrase así mesmo, que a rúa Santa Rita permanecerá tamén pechada ao tráfico de calquera tipo de vehículo.

“Durante a revisión técnica constatouse unha importante perda de apoio na base do pozo, circunstancia que aconsella actuar de maneira inmediata para garantir a seguridade da infraestrutura e dos usuarios da vía. Por este motivo, e como medida preventiva, decidiuse restrinxir a circulación na zona afectada ata a execución dos traballos necesarios para o seu selado e consolidación”, segundo o Concello.

O Concello e os servizos afectados foron informados da situación e están coordinando as actuacións oportunas para minimizar as molestias á cidadanía e garantir a seguridade.

Pola súa banda, o Concello do Barco e o Consorcio de Augas de Valdeorras atópanse traballando para dar solución a esta incidencia á maior brevidade posible, co obxectivo de restablecer a normalidade na zona.
O Concello agradece a comprensión e colaboración dos veciños e usuarios da vía mentres se desenvolven os traballos necesarios para resolver esta incidencia.

Back to top button